A Chanca terá un especial protagonismo, en recoñecemento á conmemoración do 150 aniversario da Ponte, ao concentrar neste barrio os concertos de bandas galegas e lusas.
Mentres, as prazas de Augas Férreas e o Castiñeiro e os Parques da Milagrosa, Rosalía de Castro e a zona fluvial acollerán actuacións de títeres, monicreques e clown.
A programación, deseñada polo Goberno de Lara Méndez, pretende completar a oferta cultural e de ocio do verán, tamén como atractivo turístico.
As actividades arrincan o mércores 2, coa función do Circo Galaico e o artista portugués Gustavo Almeida.
Toda a información sobre datas e horarios do ciclo pode atoparse na web www.lugocapitaldacultura.com

O Goberno de Lara Méndez promove este mes de agosto concertos en directo e espectáculos circenses todas as tardes dos mércores e xoves no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Así o avanzou a rexedora, quen explicou que “os mércores o circo será o protagonista en diversas prazas e zonas da capital; mentres que os xoves o barrio da Chanca acollerá música en vivo de diferentes artistas galegos e portugueses”.
Todas as citas serán totalmente gratuítas e abertas ao público. “Queremos ofrecer a lucenses e visitantes unha oferta lúdica e de lecer ampla e variada neste verán, ao tempo que achegamos toda a riqueza cultural de Galicia e Portugal”, explicou Méndez.
Deste xeito, a programación comezará o vindeiro 2 de agosto, coa función Circo Galaico na Praza de Augas Férreas, mentres que os seguintes mércores haberá espectáculos no Parque Rosalía de Castro, na Praza do Castiñeiro, no Parque da Milagrosa e na zona fluvial, todos ás 18:00 horas.
“Paiasos, malabaristas, monicreques… dinamizarán diferentes prazas da cidade con cinco espectáculos exclusivos de grupos galaicos e lusos para goce das familias que poderán encher de entretemento as tardes, co valor engadido que ofrecen as fantásticas paraxes naturais que temos no municipio e que, por si soas, se constitúen como un punto de encontro espléndido para socializar e aproveitar o tempo libre”, explicou a rexedora.
Por outra banda, a axenda de concertos na Chanca comezará o día 3 coa actuación do artista luso Gustavo Almeida.
“Este ano conmemoramos o 150 aniversario da construción do viaduto e que mellor forma de facelo que concentrando neste barrio boa parte das actividades para convidar á cidadanía a visitalo, tendo como reclamo o atractivo destas actuacións que, nesa primeira xornada, inclúe a celebración dun picnic aderezado de ritmos musicais como forma de rematar o día dun xeito único nunha contorna envexable”, concluíu Méndez.
Toda a información sobre estas actividades e o resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, como datas ou horarios, pode atoparse na páxina web www.lugocapitaldacultura.com
Programación de TítereCirco (18:00 horas)
- Día 2.- Circo Galaico (marionetas). Praza Augas Férreas.
- Día 9.- Cuacac (clown, danza, malabares e aéreos). Parque Rosalía de Castro.
- Día 16.- Coa música a outra parte (guiñol). Praza do Castiñeiro.
- Día 23.- Nougat (clown). Parque da Milagrosa.
- Día 30.- Marionetas musicais (marionetas). Zona fluvial.
Programación de concertos na Chanca (21:00 horas)
- Día 3.- Gustavo Almeida
- Día 10.- Sin tron ni son
- Día 17.- Big Band Theory
- Día 24.- Superglú
- Día 31.- Alda Várez & Richi Ponce
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a programación da Capital da Cultura, para o mes de agosto | Descargar mp3