Benestar clausura o programa municipal ‘Lugo móvese cos maiores’ do que se beneficiaron máis de 2.200 maiores

Desde o pasado mes de maio, catro días á semana, as persoas participantes tiveron a oportunidade de asistir a clases guiadas de ximnasia en diferentes Prazas da Cidade.

Este programa ten como aliciente o permitir aos participantes relacionarse con outras persoas, contribuíndo así, a evitar situacións de illamento e de soidade.

Sábado, 03 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar clausura o programa municipal ‘Lugo móvese cos maiores’ do que se beneficiaron máis de 2.200 maiores

A Praza da Milagrosa, acollía esta semana a animada xornada de clausura que puxo o broche de ouro ao programa de envellecemento activo ‘Lugo móvese cos maiores’, unha iniciativa que, o goberno de Lara Méndez, puxo en marcha por segundo ano consecutivo, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López, e da que estiveron beneficiándose durante este verán máis de 2.200 maiores da cidade.

 A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, destacou que “se trata dun programa municipal moi demandado, que redunda directamente na mellora da calidade de vida e na saúde dos nosos maiores, chegándose a converter mesmo nun dos momentos máis esperados todas as semanas para os participantes”.

 A rexedora lembrou que este programa naceu durante a pandemia, “do noso empeño por seguir ofrecendo aos lucenses ferramentas que lles permitisen seguir desenvolvendo actividades físicas destinadas ao seu benestar e aproveitando estas magníficas prazas que temos na cidade”.

 Desde o pasado mes de maio, catro días á semana, as persoas participantes tiveron a oportunidade de asistir a clases guiadas de ximnasia nas que puideron traballar todas as partes do corpo. Sesións que comezaron cun quecemento, para despois continuar a realizar  exercicios de cardio adaptados ás particularidades de cada persoa.

 Por todo iso, tratouse dunha iniciativa que conseguiu  axuntar deporte e fomentar tamén hábitos saudables entre os seus numerosos beneficiarios e beneficiarias. E, non menos importante, este programa tivo como aliciente o permitir aos participantes relacionarse con outras persoas, contribuíndo así, a evitar situacións de illamento e de soidade.

 Tras esta clausura, a alcaldesa anunciou que ten previsto retomar esta iniciativa o vindeiro ano, poñendo así novamente ao dispor do colectivo os medios para que poidan realizar semanalmente, e guiados por profesionais, deporte e exercicio moderado, actividades que lles permitan manter unha boa forma física nesta importante etapa das súas vidas.

 ‘Lugo móvese cos maiores’ é unha iniciativa contemplada no programa municipal de animación sociocultural, onde se levan a cabo actividades pensadas para atender demandas e necesidades, tanto físicas como emocionais deste colectivo adulto.

Multimedia

  • Benestar clausura o programa municipal ‘Lugo móvese cos maiores’ do que se beneficiaron máis de 2.200 maiores

Noticias relacionadas