A Banda Municipal de Música despide ao que foi o seu director os últimos 25 anos, Rosendo Iborra

A Alcaldesa ensalzou a traxectoria de Iborra, que guiou baixo a súa batuta a outros músicos desexosos de coñecementos, esforzándose por mellorar día tras día a Banda ata acadar o nivel de recoñecemento do que goza a día de hoxe

Martes, 22 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Banda Municipal de Música despide ao que foi o seu director os últimos 25 anos, Rosendo Iborra

A Banda Municipal de Música ofreceu este xoves o tradicional concerto de Santa Icía, patroa dos músicos, pero nesta ocasión dun xeito máis especial, posto que o evento musical estivo marcado pola despedida do director da agrupación, Rosendo Ivorra. Por este motivo, os seus compañeiros quixeron renderlle unha homenaxe no seu último concerto como director, ao que se sumou o Concello de Lugo.

O concerto, ao que asistiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outros membros da Corporación Municipal, contou cun gran éxito de público, que acudiu ao Salón Rexio do Círculo das Artes a gozar de pasodobres e boleiros, entre outros.

Tras a actuación musical, a rexedora dirixiulle unhas entrañables palabras a este director que adicou os últimos 25 anos da súa vida á Banda de Lugo, guiando baixo a súa batuta a outros moitos máis músicos desexosos de coñecementos musicais, e esforzándose por mellorar día tras día a Banda ata acadar o nivel de recoñecemento do que goza a día de hoxe; ao tempo que lembrou a traxectoria desta agrupación, que garda máis de 147 anos de historia.

Lara Méndez amosou o apoio da totalidade da Corporación tanto á Banda como á Escola Municipal de Música, ao tratarse dun servizo moi demandando pola cidadanía, con máis de 700 alumnos, 1.000 matriculados e unha lista de espera de 400 persoas. “Lugo é música, Lugo é cuna de músicos”, asegurou a rexedora, quen convidou a Iborra a seguir gozando coa e da música.

Noticias relacionadas