Arrancan as obras de mellora do pavimento e accesibilidade da Avenida de Garabolos

Luns, 03 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrancan as obras de mellora do pavimento e accesibilidade da Avenida de Garabolos

O Concello iniciou as obras de pavimentación e mellora da accesibilidade na avenida de Garabolos, un proxecto adxudicado en preto de 24.300€ que consiste na renovación do firme nun tramo da calzada, entre os edificios 5 e 9, a colocación dun paso de peóns elevado e a creación dun acceso peonil á marquesiña da parada de bus existente na vía para garantir a seguridade dos viandantes. Estas obras acométense grazas ao Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación. Nesta rúa o Concello  renovou o pasado ano os servizos e pavimentou a beirarrúa cun orzamento de 33.000€, quedando pendente a parte que se acometerá agora con este proxecto.

Na zona de Garabolos, o Goberno acometerá tamén a pavimentación da Rúa do Vento, ademais de botar zahorra no tramo que vai dende as vivendas da avenida Paulo Fabio Máximo, actuación que financiará con cargo ao Plan de Barrios que incluíu, cunha dotación total de 2,5M€, nos Orzamentos deste ano que foi quen de sacar adiante.

Garabolos contará tamén cun aparcadoiro disuasorio, en concreto, na rúa Manuel Portela, que contará con 46 prazas públicas e gratuítas nunha superficie de 1.176ms. O orzamento para este estacionamento é de 41.200€. Trátase dun dos 7 que o Goberno ten planificado para dotar á cidade de 203 novas prazas, cun importe conxunto de adxudicación de 253.000€.

Noticias relacionadas