O Executivo de Paula Alvarellos ofreceu preto de 46.000 comidas diarias a persoas vulnerables do municipio ao longo de 2024

Atendeuse así aos preto de 50 usuarios do centro de día Antonio Gandoy e aos 128 do servizo Xantar no Fogar, aos que se lles levan os menús semanais ás súas casas.

Benestar Social e Maiores inviste 574.774 euros anuais das arcas municipais nesta prestación, para dar un servizo de calidade e permitir á xente comer no seu domicilio.

Para a edil Olga López Racamonde “isto demostra o compromiso do Concello coa vulnerabilidade das e dos lucenses, fronte á inoperancia da Xunta como administración competente”.

Xoves, 09 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos ofreceu preto de 46.000 comidas diarias a persoas vulnerables do municipio ao longo de 2024

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, ofreceu ao longo do pasado ano 2024 un total de 45.787 comidas diarias a persoas en situación de vulnerabilidade do municipio de Lugo. Entre os usuarios e usuarias desta prestación están as persoas que acoden de luns a domingo ao centro de día Antonio Gandoy, de xestión integramente municipal, e os demandantes do servizo Xantar no Fogar, que tres veces á semana reparte polas súas casas os menús para comer durante os sete días. A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, destacou a importancia deste servizo “non só pola súa calidade nas dietas senón por favorecer que estas persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade poida comer nas súas casas”. Por iso, López Racamonde, insiste en que “queda demostrado o compromiso do Concello, con esa inversión anual de case 575.000 euros, para prestar este servizo ás e aos lucenses, fronte á inoperancia da Xunta, como administración competente nesta materia”.

Para a responsable desta área municipal, “o Goberno Local vese obrigado a asumir estas competencias impropias, pero estamos a facelo cun servizo que ademais reforzamos en 2024, introducindo melloras, que redundan non só na calidade e variabilidade dos menús, senón tamén nunha maior atención, con visitas das traballadoras sociais a persoas que viven soas para coñecer o seu grado de satisfacción co servizo, as súas necesidades e suxestións”. De feito, estas foron algunhas melloras que se introduciron no novo contrato do Xantar no Fogar, adxudicado á empresa Jardanay, que comezou a prestar este servizo no mes de maio pasado, con máis días de reparto, ata mil comidas adicionais, co aumento da rotación dos menús a seis semanas, o enriquecemento deste servizo cun litro de leite e outro de zumo de froita, e con outras melloras importantes.

Neste sentido, a concelleira Olga López Racamonde destaca que “entre os cambios máis positivos destaca a calidade, xa que a elaboración dos pratos se fai con cociña en frío e envasada con modificación da atmosfera, o que conserva máis tempo os alimentos, as súas propiedades e os seus nutrientes”. Tamén se melloraron as dietas especias, agora mesmo o 75 por cento de todos os menús que se serven, con comidas sen sal, baixas en graxa, astrinxente, trituradas, hipocalórica, para persoas diabéticas ou que toman sintrom, por citar algúns exemplos. 

Ao marxe do aspecto alimentario, López Racamonde chama a atención sobre o coidado e a atención que se presta tanto aos usuarios e usuarios do centro de día Antonio Gandoy como aos do servicio de Xantar no Fogar. “Hai menús especiais en datas como as de Nadal ou polos cabodanos, pero tamén é moi importante que a traballadora social deste servizo visite a todos e todas as usuarias. No caso de Xantar no Fogar, o 98 por cento xa foron visitados para coñecer as súas necesidades; colocarlles microondas, como pasou con nove persoas; ou instalar termómetros nas súas neveiras para controlar que a temperatura sexa a adecuada para a conservación dos menús, entre outras actuacións. “A traballadora social coñece a todos os usuarios e as súas casas, e despois remite os informes ao Concello, que pode mellorar a atención e atender as súas propostas”.

Desde a área de Benestar Social e Maiores, explican que “para acollerse ao Xantar no Fogar é necesario estar empadroado en Lugo e ter informe favorable da traballadora social de ser dependente para algunha das tarefas da vida diaria que impida a realización das actividades que supoñen a preparación de comidas”. Ao longo de 2024, se atendeu a 128 usuarios e usuarias deste servizo, que pediron, dependendo das súas necesidades, comidas diarias para todos os días da semana, só laborables, só durante a fin de semana, ou determinados días ao mes.

Olga López Racamonde insiste en que “o benestar social dos nosos maiores seguirá a ser unha prioridade deste Executivo, polo que ademais destes servizos manteremos outros que temos a disposición das e dos lucenses, como o SAF de libre concorrencia, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social”.

Audio

  • A edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, sobre as comidas diarias | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos ofreceu preto de 46.000 comidas diarias a persoas vulnerables do municipio ao longo de 2024

Noticias relacionadas