O Fogar do Transeúnte atendeu a máis de 2.500 persoas en 2024, consolidando o seu papel esencial dentro do escudo social de Lugo

O servizo municipal prestou 6.040 almorzos, 12.137 comidas e 11.207 ceas, elaboradas nas instalacións do centro.

As melloras implantadas nos últimos anos permitiron reforzar a atención, garantindo máis recursos e unha resposta máis eficaz ás situacións de emerxencia habitacional.

"O compromiso do Goberno local con este servizo é absoluto, porque sabemos que é un recurso esencial para moitas persoas en situación de vulnerabilidade", destacou Olga López Racamonde.

Luns, 10 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Fogar do Transeúnte atendeu a máis de 2.500 persoas en 2024, consolidando o seu papel esencial dentro do escudo social de Lugo

O Fogar do Transeúnte de Lugo pechou o ano 2024 cun balance que reafirma a súa importancia dentro das políticas sociais do Concello. Ao longo do pasado exercicio, o servizo municipal atendeu a un total de 2.509 persoas, ofrecendo un recurso fundamental tanto para aqueles que atravesan unha situación de emerxencia habitacional como para as familias que precisan apoio para cubrir as súas necesidades básicas. A atención prestada traduciuse en 6.040 almorzos, 12.137 comidas e 11.207 ceas, servidas tanto nas instalacións do Fogar como a través do servizo de entregas para o domicilio, todo elo pensando nos máis vulnerables: persoas con fondas necesidades sociais en todos os ámbitos.

A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, puxo en valor a importancia deste dispositivo: "O compromiso do Goberno local con este servizo é absoluto, porque sabemos que é un recurso esencial para moitas persoas en situación de vulnerabilidade. Garantimos unha atención digna e de calidade durante todo o ano, pero especialmente nos períodos máis críticos, como o inverno e o verán, cando as condicións meteorolóxicas fan que este apoio sexa aínda máis necesario".

O Fogar do Transeúnte non só mantivo a súa actividade, senón que nos últimos anos experimentou unha mellora progresiva que permitiu reforzar a súa capacidade de atención. Un dos fitos máis importantes foi a ampliación das instalacións, garantindo unha maior dispoñibilidade de prazas para pernoctación e aumentando os recursos destinados á atención das persoas usuarias. Ademais, implementáronse melloras nos servizos de hixiene persoal e implementouse a visita dunha traballadora social do Concello tres días á semana para reforzar a coordinación cos servizos sociais municipais e facilitar ás persoas usuarias o acceso a axudas complementarias e programas de inserción social.

A edil Olga López Racamonde salientou este esforzo: "Levamos anos traballando para mellorar este servizo, ampliando recursos e mellorando a atención que reciben as persoas usuarias. Isto permitiunos adaptarnos mellor ás necesidades reais da cidadanía e ofrecer unha resposta máis eficaz".

O reforzo do Fogar do Transeúnte forma parte da aposta decidida do Goberno local por fortalecer o escudo social da cidade. De feito, os Orzamentos Municipais para 2025 contemplan un incremento de 2,2 millóns de euros no investimento en políticas sociais, consolidando un modelo que prioriza o benestar das persoas máis vulnerables. Así, o apoio a colectivos e entidades sociais, acadará os 6,2 millóns de euros, un 5,1% máis que no exercicio anterior. "Os orzamentos do Concello reflicten a nosa vontade de seguir reforzando os servizos sociais e garantindo que ninguén quede atrás. Lugo é unha cidade que coida da súa xente, e este compromiso vese plasmado en investimentos concretos que melloran a vida de moitas persoas", concluíu López Racamonde.

Con estas medidas, o Concello de Lugo continúa a avanzar na construción dunha cidade máis xusta e solidaria, na que os servizos sociais seguen a ser unha prioridade dentro da xestión municipal.

Audio

  • A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, sobre o Fogar do Transeúnte | Descagar mp3

Multimedia

  • O Fogar do Transeúnte atendeu a máis de 2.500 persoas en 2024, consolidando o seu papel esencial dentro do escudo social de Lugo
  • O Fogar do Transeúnte atendeu a máis de 2.500 persoas en 2024, consolidando o seu papel esencial dentro do escudo social de Lugo

Noticias relacionadas