A área de Participación organiza o Mercado Especial das Flores nos días previos ao 1 de novembro

Cristina López: “animamos á veciñanza a acudir ao cemiterio nos días previos ao 1 de novembro”

Luns, 26 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Participación organiza o Mercado Especial das Flores nos días previos ao 1 de novembro

A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou que o soto da praza de Abastos acollerá o Mercado Especial das Flores entre o 29 e o 31 de outubro, entre as 8 e as 20 horas. Cristina López declarou que “para o acceso á praza é preciso cumprir cos protocolos sanitarios vixentes”, e lembrou que “hai dispensadores de xel colocados nos accesos e é preciso cumprir coas medidas de distanciamento social marcadas polas autoridades sanitarias”.

“Para evitar masificacións o domingo, pedimos ás veciñas e veciños que acudan ao cemiterio municipal nos días previos ao 1 de novembro”, declarou Cristina Lopez, que engadiu “habilitouse un horario de apertura especial e liñas de bus de reforzo, ademais de extremar as medidas de seguridade no propio cemiterio”.

Pódese visitar o cemiterio entre as 14 e as 19 horas até o 31 de outubro. O 1 de novembro, as visitas poderán realizarse entre as 10 e as 19 horas, e o día 2, entre as 14 e as 18. O recinto adaptarase a un maior fluxo de visitantes, creando circuítos diferenciados para a entrada e saída, que se realizarán por distintas portas. Ademais, contarase con persoal de seguridade de reforzo, e as visitas terán unha duración máxima de 30 minutos. Os grupos de visitantes estarán limitados a 3 persoas.

Noticias relacionadas