Os concelleiros asistiron a esta iniciativa posta en marcha pola asociación veciñal do barrio.
Penas: "Nas vindeiras semanas rematará a renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos e continúa a peonalización do Carril dos Loureiros, completando a renovación integral deste barrio".

Os concelleiros da Tenencia de Alcaldía Alexandre Penas, responsábel de Infraestruturas Urbanas e Maite Ferreiro, responsábel de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, visitaron o barrio de Recatelo, onde tivo lugar un mercado de nadal organizado pola asociación veciñal. Alexandre Penas destacou este barrio como un punto estratéxico da cidade "que comunica o casco histórico co Parque de Rosalía".
Penas destacou que nos últimos anos, desde a Tenencia de Alcaldía se fixo "un importante esforzo" para renovar a imaxe deste barrio, realizando "unha mellora integral do barrio de Recatelo despois de peonalizar practicamente todas as rúas do barrio". Na actualidade, continúa en marcha a peonalización do Carril dos Loureiros, proxecto elaborado a base de xuntanzas veciñais, contando coa opinión das veciñas e veciños do barrio. O proxecto creará novas zonas verdes para "facilitar que haxa zonas de sombra ao longo da rúa que permitan desfrutar da zona de paseo en xornadas de calor", explicou Penas, que lembrou que tamén se instalará alumeado LED de baixo consumo.
Xunto con esta actuación, continúan os traballos de renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos, unha reconstrucción que mellorará a integración paisaxística do muro, ao mesmo tempo que elimina a barreira arquitectónica que supón a diferencia e cotas, aplicando criterios como a o respecto polo entorno e a calidade estética da solución. A diferencia de alturas conta cunha solución orgánica e integrada na contorna, "escalonando o muro en distintos bancais, o que mellora o impacto visual da estrutura", explicou Penas. Esta renovación "crea un percorrido accesible para toda a veciñanza cunha rampa pola fronte do muro, na zona que parte do final do Paseo Vila de Foz, que remate na rúa Cidade de Viveiro, conectando o barrio de Recatelo co Parque sen barreiras arquitectónicas, avanzando nunha cidade máis accesible para todas e todos", explicou.


