O executivo de Lara Méndez outorgará, na Xunta de Goberno desta semana, a subvención nominativa á entidade por valor de 200.000 euros anuais
Na sesión de mañá se concederán tamén as achegas aos clubs deportivos por un importe total de 223.000€

A área de Medio Ambiente vén de duplicar a partida económica coa que o Concello de Lugo colaborará coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas.
En total, o executivo de Lara Méndez destinará a este fin 200.000 € anuais.
A Xunta de Goberno outorgará mañá a achega correspondente ao ano en curso coa que a administración local pretende favorecer a protección dos animais abandonados no municipio.
“O obxectivo desta achega – indicou o edil Álvaro Santos – non é outro que o de cooperar coa organización para, por unha banda, mellorar a atención e coidado dos animais que acollen nas súas instalacións, propiciando igualmente o control sanitario das colonias urbanas de gatos e, pola outra, fomentar a concienciación e bo comportamento da cidadanía ao respecto dos abandonos, para evitar a súa proliferación”.
O concelleiro lembrou que estas axudas se enmarcan dentro do Plan Estratéxico de Subvencións, “a ferramenta indispensable para impulsar, promover e potenciar – neste contexto de recuperación da pandemia e para que non afonde nunha crise social – a participación da sociedade civil nos distintos ámbitos de xestión que son de interese xeral” ao tempo que puxo en valor o “labor fundamental que desempeña a Protectora”.
Santos Ramos sinalou que o convenio entre a institución local e a Protectora trata de dar cobertura ao aloxamento e recuperación de animais que non teñen fogar pero tamén posibilita a posta en marcha de campañas divulgativas encamiñadas a fomentar os hábitos sociais de respecto medioambiental así como realizar actividades educativas e de sensibilización en materia de benestar animal”, concluíu.
Por outra banda, aínda que tamén en materia subvencional, dende a área de Deportes que dirixe Miguel Fernández, darase traslado na sesión desta semana á proposta de concesión das achegas aos clubs da cidade por un importe total de 223.000 €.
Audio
- O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a subvención á protectora| Descargar mp3