O fin é mellorar a situación destas persoas e axudar a súa integración social a través dunha atención integral
O Concello convoca un ano máis as axudas para asociacións e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan programas no eido de servizos sociais
Ábrese a convocatoria de subvencións para persoas con discapacidade e afectadas de graves problemas de mobilidade para gastos de transporte en taxi adaptado

A área de Benestar Social cederá de xeito gratuíto un inmoble municipal a Cruz Vermella Española para que poida desenvolver un proxecto de acollida temporal de persoas sen fogar.
O obxectivo é mellorar a situación das persoas sen fogar dende unha perspectiva de atención integral, con supervisión técnica e asistencia orientada ao desenvolvemento da súa autonomía persoal e a súa integración social.
A cesión condiciona á entidade a que os criterios de selección das persoas beneficiarias do proxecto sexan acordes cos principios de igualdade e non discriminación.
A Cruz Vermella estará obrigada ao mantemento do inmoble, situado en Camiño de Roca, 3, e a achegar o persoal suficiente para o bo funcionamento do programa.
A entidade deberá estar en coordinación co persoal técnico dos Servizos Sociais.
A cesión é por un ano, prorrogable ata un máximo de 5 anos, segundo aprobou hoxe a Xunta de Goberno Local á proposta da edil responsable da área de Benestar, Ana González Abelleira.
Subvencións
Ademais, a Xunta de Goberno Local, tamén á proposta da área de Benestar, deu luz verde á apertura da convocatoria, aprobación do gasto e aprobación das bases xerais reguladoras da concesión de subvencións a asociacións e a persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro.
Estas axudas, que ascenden a 38.000 euros, están destinadas a proxectos, programas e actividades de interese xeral que se desenvolvan no eido dos servizos sociais e para o mantemento, conservación e pequenas reparacións de infraestruturas nas que se leven a cabo estas actividades.
Os colectivos interesados poderán presentar as súas solicitudes nun prazo de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP.
O Concello tamén abre a convocatoria para subvencións para persoas con discapacidade física e afectadas de graves dificultades de mobilidade para gastos de transporte en taxi adaptado, cun importe de 5.000 euros.