O Concello de Lugo, xunto a outras 83 entidades locais e dúas deputacións, forma parte desta entidade, que concentra os esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, participou este xoves en Santiago na Asamblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é membro o Concello de Lugo. Na xuntanza, celebrada na sede da Fegamp, aprobouse o Plan de actividades para 2016, que baixo o título O municipalismo galego, aberto a cooperar, inclúe proxectos de cooperación internacional e de comunicación.
Trátase da primeira asamblea convocada pola nova Comisión Executiva, que se renovou tras as eleccións locais. Na xuntanza, deuse conta do informe da situación da entidade, aprobouse o balance económico de 2015, informouse das altas e baixas dos socios e presentouse o orzamento previsto para o 2016.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 84 concellos e dúas deputacións, que concentran a través desta rede os esforzos no eido da coopeación ao desenvolvemento.