Álvaro Santos anuncia que se contratarán obras de mellora de drenaxe en tres zonas da cidade para resolver as filtracións

O responsable de Medio Ambiente explicou que se actuará na Estrada da Granxa, na Ronda das Fontiñas e na Escalinata da Estación

O prazo de execución será de seis semanas, para que as execucións queden listas antes da época de maiores choivas

Mércores, 31 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O concelleiro da Area de Desenvolvemento Local Sostible, Alvaro Santos, anunciou hoxe que se procederá a contratación das obras de mellora de drenaxe na Estrada da Granxa, na Ronda das Fontiñas e na Escalinata da Estación, onde se investirán 83.217 euros, IVE incluído.

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe a apertura do proceso de contratación, segundo anunciou o concelleiro, quen sostivo que “desta maneira damos resposta a un problema que vimos detectando nas redes destas áreas, que están provocando inundacións recorrentes e filtracións”.

O prazo de execución das obras será de seis semanas a partir da firma do contrato. “Eliximos acudir a un procedemento simplificado para poder finalizar as execucións antes da época con maiores posibilidades de choiva”, sostivo Álvaro Santos.

Na Estrada da Granxa, xunto ao número 114, existe unha zona de aparcamento cunha superficie duns 2.290m2. Toda a auga de escorrentía desauga a uns poucos sumidoiros, que non contan coa capacidade de desaugue suficiente para evacuar as augas. Por tanto, prodúcense inundacións no garaxe do edificio do número 114. Doutra banda, existen seis pozos de rexistro, na parte da Estrada da Granxa entre Afonso X o Sabio e Avenida de Magoi, onde hai unha gran acumulación de trapos que é necesario retirar.

En canto á Ronda das Fontiñas, existen problemas de frecuentes asolagamentos debido á orografía do terreo, que fai unha vaguada na zona, e a gran cantidade de augas pluviais que baixan tanto polo Carril dos Indios como pola Rúa do Outono.

Na Escalina da Estación, que discorre entre a Rúa Miguel de Cervantes e a Praza Conde de Fontao, confluíndo en perpendicular á Praza Conde de Fontao, detectouse que, en épocas de choivas, existe un problema de humidades nos garaxes colindantes. Estas filtracións proceden tanto das conducións de augas pluviais da escalinata coma dos xardíns.

Durante a execución das obras, podería ser necesario restrinxir o tráfico, tanto peonil como  rodado, na zona de actuación, e incluso prohibir o aparcamento nas prazas ubicadas xunto á área de traballo.

Audio

  • O concelleiro Alvaro Santos, sobre as obras de drenaxe | Descargar mp3

Noticias relacionadas