A iniciativa foi aprobada no contexto da Capital da Cultura que acolleu Lugo en 2023, unha cita que contou cunha ampla programación na que participaron máis de 15.000 persoas.
A nova escultura que preside a praza é un cilindro iluminativo dos 41 municipios e deputacións que integran o Eixo, símbolo de punto de encontro das cidades galegas e lusas.
Tras a inauguración, a Comisión Executiva do Eixo reuniuse no edifico Impulso Verde para analizar a situación das infraestruturas, así como dos principais proxecto en curso.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, inaugurou este xoves a Praza do Eixo Atlántico, situada no barrio da Piringalla entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, onde recentemente se instalou a Fonte das Lavandeiras. Fíxoo acompañada do secretario xeral da entidade transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao e doutras autoridades e representantes dos municipios membros do Eixo.
“Esta praza-xardín foi creada e posta a disposición da veciñanza no ano 2021 froito dunha petición cidadá, co obxectivo de promover novos espazos de lecer que favoreceran a convivencia interxeracional”, lembrou a rexedora, quen subliñou que “agora levará o nome do Eixo Atlántico en recoñecemento, non só á historia da entidade, senón tamén como símbolo de punto de encontro das cidades galegas e portuguesas”.
Neste senso, a nova escultura que preside a praza é un monolito en forma de cilindro iluminado cos 41 municipios e deputacións que integran o Eixo Atlántico, quedando plasmada a unión dos pobos que conforman a Eurorrexión. Trátase da sexta praza pública e a primeira en Galicia á que dá nome a entidade, sumándose ás das cidades de Bragança, Matosinhos, Braga, Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo en Portugal.
Alvarellos explicou que “esta iniciativa foi aprobada no contexto da Capital da Cultura que acolleu Lugo en 2023, unha cita que contou cunha ampla programación municipal con variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine e concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas, nas que participaron máis de 15.000 persoas”.
Finalmente, a rexedora desexou “moitos éxitos ao Eixo Atlántico, entidade a que estamos todos vencellados e que constitue unha gran ferramenta para canalizar as necesidades dos galegos e galegas e dos edas habitantes do norte de Portugal”. “O Exito do Eixo será o éxito de todos nós”, apuntou.
Reunión da Comisión Executiva
Tras a inauguración do novo espazo urbano, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico reuniuse no edifico Impulso Verde para analizar a situación e evolución das infraestruturas, así como dos principais proxecto en curso do Eixo Atlántico. Neste senso, Alvarellos agradeceu “que elixiran este pioneiro inmoble para celebrar a súa Comisión Executiva”. “Enorgullécenos enormemente que a nosa cidade e especialmente este icónico edifico sexán a sede dun encontro que regularmente contribúe, co seu traballo colaborativo, e sempre cheo de consenso, a acadar unha maior cohesión social e territorial na nosa Eurorexión”, apuntou.
Entre os acordos tomados, a Comisión ratificou a proposta do Grupo Temático de Turismo para que Sarria sexa, en maio de 2025, a sede da VIII Expocidades, a feira de turismo de proximidade.
Así mesmo, o Grupo Temático de Educación e Cultura aprobou que Viana do Castelo será a Capital da Cultura 2025. Durante 10 meses, de xaneiro a outubro, organizaranse 64 grandes eventos de todas as disciplinas: cultura urbana, música, literatura, gastronomía, cine, arquitectura, etc.
Finalmente, a Comisión Executiva aprobou a proposta do Grupo Temático de Deportes para organizar en Valongo, no mes de outubro, un seminario de intercambio de experiencias sobre a igualdade de xénero no deporte.
Polo que respecta ás infraestruturas, verificouse o compromiso do Goberno de Portugal de manter o calendario da liña Lisboa – A Coruña tal e como foi aprobada pola Asemblea da República, iniciados os procesos previos á construción da liña sen que se producise ningún retraso.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a Praza do Eixo Atlántico | Descargar mp3



