A alcaldesa recibe no ecuador do Campus Alex Llorca aos 150 rapaces e rapazas que participan na novena edición

Paula Alvarellos destacou a importante labor deste campus, co que o Concello de Lugo leva colaborando desde os seus comezos.

Xoves, 11 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa recibe no ecuador do Campus Alex Llorca aos 150 rapaces e rapazas que participan na novena edición

A alcaldesa, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Deportes, Jorge Bustos, recibiu esta mañá no Concello de Lugo aos 150 nenos e nenas que participan no Campus Alex Llorca, e que hoxe chegou ao seu ecuador. A actividade, que desde os seus comezos contou coa colaboración do Concello de Lugo, alcanzou este ano a súa novena edición, consolidándose como un dos campus de baloncesto máis importante de cantos se celebran en Lugo. De feito este ano logrouse bater o récord de participación, con mozos e mozas baloncestistas de 9 a 17 anos de idade, procedentes de toda Galicia, pero tamén doutras comunidades españolas, como Madrid, Canarias e Cataluña.

Paula Alvarellos deu as grazas ao cadro técnico do campus por elixir Lugo para o desenvolvemento deste campamento de baloncesto; tamén aos monitores e monitoras e participantes, aos que desexou “aprender e medrar, tanto a nivel deportivo como persoal, para que nun futuro poidamos verbos xogar en equipos da elite do basket, como o Breogán ou o Ensino”. Ademais, a alcaldesa asegurou que “desde o Concello de Lugo compartimos os valores que se transmiten e se traballan neste tipo de actividades, polo que sempre contaredes co apoio do Goberno local, tal e como fixemos desde a primeira edición, hai agora nove anos”.

O Goberno local colabora co Campus Alex Llorca, como parte dos seus obxectivos de apoiar ás familias no período non lectivo, e tamén no fomento dos hábitos saudables entre a mocidade, ao igual que está a facer durante o verán con outros campamentos similares. Así, nos primeiros días de xullo xa tiveron lugar o Campus do Atlético de Madrid, no Campo de Fútbol As Gándaras, e o do Club Rítmica Filigrana, que precisamente rematará mañá no Polideportivo Piscina Municipal de Frigsa. Ademais, ata o 29 de xullo se desenvolve o Campamento Urbano Polideportivo da ADC Lumieira, en diferentes instalación municipais. Tamén nestas xornadas se está a celebrar a concentración que organiza o club Arenal Emevé, cuxas xornadas técnicas acabarán o vindeiro día 19, no Pavillón Municipal de Deportes e, por último, o Campus Irmáns Quintela, que terá lugar do 5 ao 9 de agosto, no Polideportivo Piscina Municipal de Frigsa.

Multimedia

  • A alcaldesa recibe no ecuador do Campus Alex Llorca aos 150 rapaces e rapazas que participan na novena edición

Noticias relacionadas