A rexedora municipal encabezou xunto á subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, a reunión coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Policía Local e Bombeiros.
Paula Alvarellos: “O traballo dos corpos que integran o operativo de vixilancia será clave para garantir a seguridade pero tamén a convivencia de toda a veciñanza nas festas”.
A Policía Local reforzará o dispositivo os días de máis afluencia, ata contar con entre 23 e 25 axentes, ademais da rede de 12 cámaras no feiral e nas prazas máis concorridas.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do San Froilán, na que se acordou incrementar a vixilancia, o control e a protección cun dispositivo especial que mellora o de pasadas edicións. Neste sentido, a rexedora municipal apuntou que “buscamos garantir a seguridade e tamén a convivencia de toda a veciñanza durante as patronais”. Á Xunta Local de Seguridade de San Froilán, que estivo copresidida pola subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, asistiron a concelleira de Cultura, Tareixa Ferreiro, e os responsables da Policía Nacional, da Policía Local, do Subsector de Tráfico da Garda Civil, do Corpo de Bombeiros, de Emerxencias, do servizo de Protección Civil municipal, da Policía Autonómica e as persoas encargadas de elaborar o Plan de Autoproteción das festas.
Entre os dispositivos especiais acordados, a Policía Local despregará un amplo reforzo de operativos para os días de maior afluencia, ata contar con entre 23 e 25 axentes. Ademais, nos labores de vixilancia disporán do apoio do centro de control, con 12 cámaras instaladas no recinto feiral e tamén nas zonas máis concorridas, como a Praza Maior, a Rúa Nova ou a Praza do Campo. A Policía Local tamén se ocupará de garantir a seguridade viaria, coa realización de controis de alcohol e drogas, as ocupacións de vía irregulares e de garantir a seguridade do tráfico rodado e peonil. Ademais, vixiará a venda ambulante non autorizada e a medición de ruídos. Neste senso, todas as noites no que estea aberto o recinto feiral, haberá cinco sonómetros para efectuar as mediacións, mentres que dous axentes farán o propio noutras zonas de gran afluencia de xente con sonómetros portátiles.
Pola súa banda o Corpo de Bombeiros contará con dúas dotacións permanentes, tanto nos festivos como nas xornadas de véspera, con catro efectivos cada unha, que estarán instaladas no recinto feiral e no centro histórico. Mentres, Protección Civil instalará dous puntos no acceso ao recinto feiral de colocación de pulseiras de identificación para os menores.
En relación ao incremento da seguridade, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, se referiu “á coordinación e ao traballo de todos estes corpos para que as vindeiras xornadas festivas transcorran con normalidade, sexan seguras para a cidadanía, e permitan desfrutar das festas garantindo a harmonía entre todas as veciñas e veciños”. Ademais, sinalou que “o operativo que quedou establecido hoxe permitirá realizar un seguimento eficaz das actividades máis destacadas das festas, a través de efectivos dos distintos corpos de xeito presencial pero tamén no centro de control, coas cámaras que controlarán os espazos máis concorridos e o recinto feiral”.
Nos mesmos termos, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou que "a coordinación entre as diferentes forzas e corpos de seguridade, xunto coa participación da cidadanía, será fundamental para que todos podamos gozar destas xornadas con total seguridade", ao tempo que animou “a todos os veciños e visitantes a seguir as indicacións dos corpos de seguridade”.
+INFO
- Xunta de Seguridade San Froilán | Descargar pdf



