A Alcaldesa participa na presentación dun monográfico da USC que impulsa políticas de migración e refuxio acaídas á realidade social

Venres, 02 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
020318 Presentación monográfico Revista Lusófona

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este venres no edificio de Vicerreitorías do Campus Terra na presentación do monográfico Migración e refuxio en Europa, que conta como editores convidados cos profesores da USC María Dolores Fernández Tilve e Gonzalo Francisco Fernández Suárez e publicado no número 37 da Revista Lusófona de Educaçâo. A obra achega un compendio de material científico inédito e valioso para avanzar na proposta de políticas migratorias máis acaídas coas necesidades actuais e para o posible deseño de protocolos de actuación orientados a mellorar a calidade de vida destes colectivos en situación de exclusión social.

A rexedora destacou a importancia e actualidade desta obra, que recolle en gran parte as conclusións do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa celebrado no campus a finais do 2016, contribuíndo deste xeito á sensibilización social e política sobre o drama dos refuxiados e sobre a educación como instrumento fundamental para achegar solucións.

No acto participaron o vicerreitor de Coordinación do campus, Javier Bueno Lema, o deputado provincial de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e os profesores Fernández Tilve e Fernández Suárez. A presenza das institucións municipal e provincial neste acto responde á súa implicación e axuda ao financiamento tanto do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa como na publicación deste traballo.

Noticias relacionadas