A Alcaldesa participa na inauguración da 8ª Feira Outlet, na que 30 comercios ofrecen ata o xoves descontos de entre o 50 e o 80%

Concello e Deputación colaboran coa organización do certame, organizado pola Asociación de Autónomas

Martes, 17 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na inauguración da 8ª Feira Outlet, na que 30 comercios ofrecen ata o xoves descontos de entre o 50 e o 80%

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na inauguración da oitava edición da Feira Outlet, un certame organizado pola Asociación de Autónomas, en colaboración co Concello e a Deputación, no que 30 comercios ofrecen entre hoxe e o xoves descontos de entre o 50 e o 80%.

No acto participaron os concelleiros de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, ademais da presidenta da asociación de autónomas, Marta López, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e membros da Corporación municipal.

A Alcaldesa destacou que os datos da Feira Outlet, unha “cita xa ineludible despois do San Froilán”, corroboran a súa importancia, tanto polo número de edicións, como polo volume de negocio xerado, uns 100.000 euros -3.500 por negocio- o ano pasado.

Con iniciativas coma esta, o Street Market e a Noite Aberta, “moitos negocios poden acadar beneficios ao final do ano, que doutro xeito non lograrían”, asegurou Méndez, que, neste senso, ademais da “calidade e a calidez na atención” que ofrece o comercio de proximidade, valorou a súa “capacidade para reinventarse”.

“Falar de comercio é falar de dinamización económica, de emprego e do tecido socioeconómico de Lugo, polo que o Concello sempre irá da man deste sector en iniciativas coma esta e outras, para as que sempre poderá contar coa nosa colaboración”, afirmou a Alcaldesa.

A Feira Outlet estará aberta na carpa situada detrás da Casa do Concello en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Ofrece artigos de zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, lencería, bixutería, fogar, pel, complementos ou agasallos. 

Audio

  • Lara Méndez, sobre a inauguración 8ª Feira Outlet | Descargar mp3

Noticias relacionadas