A alcaldesa Lara Méndez realizou un seguimento do primeiro día da e-administración municipal, que transcorreu sen incidentes

O Concello da os primeiros pasos na súa implementación, que comezou polo rexistro, policía, cemiterios, tarxeta cidadán e estatística

Luns, 15 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa Lara Méndez realizou un seguimento do primeiro día da e-administración municipal, que transcorreu sen incidentes

A primeira fase da posta en marcha da administración electrónica do Concello de Lugo desenvolveuse esta mañá con pleno éxito despois de que se iniciase a súa implantación nas áreas de rexistro e as relacionadas coa policía, cemiterios, tarxeta cidadán e estatística. Un equipo de funcionarios apoiados polo control do persoal da empresa adxudicataria do Smart City realizaron as primeiras operacións, que transcorreron sen ningún tipo incidencias.

En total, atendéronse 209 rexistros e dixitalizáronse 500 documentos. Nesta primeira fase, os cidadáns aínda teñen que deixar a súa documentación en papel, pero a medida que se vaia implementando a e-administración xa non fará falta. En canto estea a funcionar ao 100%, tanto a veciñanza como as empresas poderán tramitar a maioría dos seus expedientes desde os seus computadores e poderán seguir a súa trazabilidade en cada momento.

A alcaldesa Lara Méndez interesouse durante toda a mañá polos avances deste primeiro día de funcionamento, e lembrou que a “administración electrónica non só vai revolucionar as relacións do concello cos lucenses, que será máis áxil e próxima, tamén facilitará o traballo interno xa que a dixitalización de toda a documentación permitirá que sexa compartida coas distintas áreas de xeito telemático”.

O proceso de implementación proseguirá durante o mes de agosto e setembro, mes no que os cidadáns comezarán a percibir de xeito más evidente os beneficios da e-administración.

Aforro de custos

Cando a administración electrónica estea a pleno rendemento, o concello elaborará un estudo do ao aforro de custos. Segundo as cifras que manexa a Administración Xeral do Estado, o custo de traballar con papel ascende a 80 céntimos por usuario, que se reducirá a 5 céntimos coa e-administración.

O Smart City é unha das grandes apostas do Goberno de Lara Méndez para a segunda transformación de Lugo. Tras conseguir preto de 4 millóns europeos no anterior mandato para a súa posta en marcha, comezou a traballarse hai un ano, tempo no que se foi analizando o funcionamento de cada un dos departamentos da administración municipal para realizar as súas adaptacións e desenvolver os novos protocolos.

Noticias relacionadas