Xuventude ofrece un novo curso de reparación de equipos informáticos e móbiles dirixido á mocidade lucense

A nova acción formativa está incluída no programa +XTi24-25 e desenvolverase entre abril e xuño no Centro Uxío Novoneyra.

“É un curso moi práctico, con contidos actuais e moi útiles para a vida diaria ou a inserción laboral”, destacou o edil Jorge Bustos.

O prazo de inscrición estará aberto do 14 ao 23 de abril a través da web www.lugomasxti.org, cun total de 15 prazas dispoñibles.

Mércores, 09 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude ofrece un novo curso de reparación de equipos informáticos e móbiles dirixido á mocidade lucense

A concellería de Xuventude, que dirixe o edil Jorge Bustos, impulsa unha nova actividade formativa de balde dentro do programa +XTi 24-25, cofinanciado polo Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional sobre Drogas. Trátase dun curso básico de iniciación á reparación de equipos informáticos e telefonía móbil, dirixido á mocidade lucense de entre 18 e 35 anos.

A formación desenvolverase no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, na sala C da segunda planta, os venres pola tarde e sábados pola mañá, durante os meses de abril, maio e xuño. En total, impartiranse 60 horas de formación práctica entre os días 25 e 26 de abril; 2, 3, 9, 10, 16, 23, 24, 30 e 31 de maio; e 6 e 7 de xuño.

“Este curso, que en edicións anteriores tivo unha excelente acollida na súa versión centrada na reparación de móbiles, volve este ano cun enfoque máis amplo e moi práctico, adaptado aos intereses da mocidade e pensado tamén para mellorar as súas oportunidades no mercado laboral”, sinalou Bustos. O edil destacou ademais que “apostamos por unha programación atractiva e útil, que lles permita adquirir coñecementos técnicos sen necesidade de experiencia previa”. Engadiu tamén que “a combinación entre aprendizaxe teórica e práctica é un dos piares deste curso, pensado para que os rapaces e rapazas saian con competencias reais e aplicables”.

Entre os contidos do curso inclúense aspectos como a identificación dos compoñentes dun PC, o funcionamento da BIOS, as conexións e tarxetas, os periféricos ou o uso de Internet para buscar comparativas de prezos e información técnica, todo isto sen precisar coñecementos previos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 14 ao 23 de abril e deberá realizarse a través da web www.lugomasxti.org (na pestana Actividades/Inscricións). As prazas, un total de 15, asignaranse por rigorosa orde de inscrición entre as persoas que cumpran os requisitos: ter entre 18 e 35 anos e estar empadroadas, residir ou estudar no municipio de Lugo.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 982 297 498.

Audio

  • O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o novo curso de reparación de equipos informáticos e móbiles | Descargar mp3

Noticias relacionadas