A Alcaldesa defende, pola compra de chalecos antibalas, que máis seguridade para a Policía Local é máis seguridade para a cidadanía

O Concello adquiriu 55 chalecos e 119 fundas individuais exteriores para os efectivos, por uns 33.000 euros. Dentro desta partida, virán distintas tallas, incluíndo unhas específicas adaptadas á fisionomía da muller

“Dita adquisición xustifícase en preceptos que temos claros como Goberno, e, como persoas con sensibilidade laboral. É a nosa obriga garantir a seguridade dos traballadores e darlles os elementos para o seu traballo”, subliñou Méndez

Este Goberno ten como obxectivo facer que a  Policía Local sexa a Policía de todos e cada un dos e das cidadáns, unha Policía de proximidade. Por iso, esta medida volve a ser outra acción pensada por e para as persoas

Martes, 20 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa defende, pola compra de chalecos antibalas, que máis seguridade para a Policía Local é máis seguridade para a cidadanía

Garantir a seguridade a quen lla garante á cidadanía, á Policía Local. Con este obxectivo, o Concello adquiriu 55 chalecos antibalas e antipunzantes para o corpo, así como 119 fundas individuais exteriores, por uns 33.000 euros. Dentro desta partida, como non podía ser doutro xeito, virán distintas tallas, incluíndo unha específicas adaptadas á fisionomía da muller. Así o anunciou este martes a Alcaldesa de Lugo, Lara Mendez, nun acto no que tamén estiveron presentes o Xefe da Policía Local, Manuel Novo, e o voceiro deste servizo, José Manuel Santiso.

“Dotar aos policías de mellores instrumentos é, directamente dotar á cidadanía de máis seguridade. Cada euro investido na Policía é diñeiro investido en cada un dos e das lucenses, en Lugo”,  asegurou a rexedora, quen avanzou as características dos chalecos, con paneis ou paquetes balísticos que outorgan protección a peito, espalda e costados, así como material de protección contra obxectos punzocortantes. Estes paneis irán envoltos e selados con 3mm de ancho de soldadura como mínimo nunha funda protectora de poliamida de alta tenacidade para garantir a súa protección.

“Todos sabemos que os recursos son escasos, e cando falamos de cartos públicos, temos que ser estritos coa finalidade dos mesmo. Pero dita adquisición, xustifícase en preceptos que temos claro como Goberno, e, como persoas con sensibilidade laboral. É a nosa obriga garantir a seguridade dos nosos traballadores e loitar por darlles todos os elementos para o seu traballo”, avanzou a rexedora, quen ensalzou o labor social realizado pola Policía Local de Lugo, coa que se cumpre outra demanda ao adquirir este material de protección.

A entidade local realiza dita adquisición de dous xeitos, a través dunha proposta de gasto, e grazas ao Bonus Bueno do Concello, que permite mellorar as condicións de traballo dos funcionarios públicos. Mediante este bonus, o Concello dotou hai uns meses dunha cabina para a galería de tiro e dun caixón para os armeiros da Policía.

 “Esta é outra das distintas dotacións coas que queremos adaptar á Policía Local aos novos tempos. Este Goberno ten como obxectivo facer que a  Policía Local sexa a Policía de todos e cada un dos e das cidadáns, unha Policía de proximidade. Por iso, esta medida volve a ser outra acción do Goberno pensada por e para as persoas. Lugo é o impulso da súa xente, e a súa xente quere sentirse segura en Lugo”, concluíu Lara Méndez. 

Audio

  • Lara Méndez, sobre o novo equipamento da Policía Local | Descargar mp3

Multimedia

  • A Alcaldesa defende, pola compra de chalecos antibalas, que máis seguridade para a Policía Local é máis seguridade para a cidadanía

Noticias relacionadas