A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participa na inauguración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 que acolle Viana do Castelo

“Este proxecto non só fortalece os lazos entre as nosas cidades, senón que tamén nos permite compartir e celebrar a nosa riqueza cultural co mundo”, apuntou a rexedora.

A apertura, que tivo lugar no centro cultural do municipio luso, ofreceu un espectáculo multidisciplinar creado e dirixido polo talentoso artista portugués Daniel Pereira Cristo.

Martes, 18 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participa na inauguración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 que acolle Viana do Castelo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou este luns en Viana do Castelo na cerimonia de apertura da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025, que acolle esta cidade portuguesa tomando o relevo da capital lucense. A rexedora desexou “moitos éxitos” na programación desta iniciativa ao presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Viana do Castelo, Luis Nobre.

“Este proxecto non só fortalece os lazos entre as nosas cidades, senón que tamén nos permite compartir e celebrar a nosa riqueza cultural co mundo. En 2023, tivemos a honra de acoller a Capital da Cultura en Lugo e o resultado foi sobresaínte: máis de 15.000 persoas participaron na programación que deseñamos, o que demostra o impacto positivo que este tipo de iniciativas teñen nas nosas comunidades”, apuntou Alvarellos.

A inauguración, que tivo lugar no centro cultural do municipio luso, ofreceu un espectáculo multidisciplinar creado e dirixido polo talentoso artista portugués Daniel Pereira Cristo: “Mar Adentro”, unha proposta escénica, que mesturou danza, voz e música, e contou coa participación especial de Xabier Díaz. O concerto contou coa dirección artística e musical de Hélder Costa. Así mesmo, durante a tarde tamén se inaugurou a exposición “Historia do Eixo Atlántico”, no Passeio das Mordomas da Romaria, que destaca os fitos máis importantes da asociación nos seus 33 anos de historia.

A Capital da Cultura do Eixo Atlántico é un título bienal que se outorga a unha cidade membro do Eixo Atlántico, unha rede de cooperación transfronteiriza que agrupa municipios do norte de Portugal e Galicia. Este título busca promover a cultura, o turismo e a identidade común da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

En 2023, a cidade de Lugo foi designada como a Capital da Cultura do Eixo Atlántico, ofrecendo unha ampla programación cultural con máis de 30 programas e máis dun cento de actividades relacionadas con diversas disciplinas culturais e artísticas.

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participa na inauguración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 que acolle Viana do Castelo
  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participa na inauguración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 que acolle Viana do Castelo
  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participa na inauguración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 que acolle Viana do Castelo

Noticias relacionadas