A alcaldesa de Lugo e o presidente da Deputación supervisan o inicio das obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena

Lara Méndez: “Esta obra, ademais de mellorar os accesos, vai axudar a desconxestionar de tráfico arterias importantes da cidade como a Avd. da Coruña”.

“Tamén suporá a súa humanización, incrementando as zonas verdes, ao tempo que se farán actuacións de saneamento, abastecemento ou iluminación”, subliñou.

A rexedora avanzou que “xa estamos a traballar na segunda fase da actuación e en breve estaremos en disposición de poder facer algún anuncio”.

Martes, 07 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo e o presidente da Deputación supervisan o inicio das obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé, supervisaron este martes o inicio das obras para o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no treito que vai do enlace desta vía coa Ronda Norte á glorieta 25-N. O Concello impulsou o proxecto e aportou os terreos necesarios para acometer esta actuación, mentres que a institución provincial financia e executa os traballos, adxudicados en 1.031.000€

A rexedora explicou que “esta é unha obra moi importante para a cidade de Lugo, pero tamén para a provincia, xa que se trata dunha arteria de entrada principal á nosa cidade, e queremos que sexa tamén unha vía que facilite a distribución dos vehículos para reducir os percorridos polo centro e o casco histórico, co obxectivo de seguir implementando o noso modelo de cidade verde e sostible”.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que “esta actuación, ademais de mellorar os accesos, vai axudar a desconxestionar de tráfico arterias importantes da cidade como pode ser a Avenida da Coruña e, por outra banda, o desdobramento da Duquesa de Lugo poñerá en valor a súa contorna, o futuro barrio multiecolóxico que estará situado nesta zona, e as actuacións que estamos a facer dentro do LIFE Lugo + Biodinámico, tamén en colaboración coa Deputación, como o propio edificio Impulso Verde”.

“Por outra banda, tamén suporá a súa humanización, incrementando as zonas verdes, mimetizando a paisaxe co crecemento da cidade, ao tempo que se farán actuacións de saneamento, abastecemento, iluminación, e se mellorará a conectividade, tanto para ir en vehículo, como en bicicleta, pois haberá un percorrido que conectará co carril bici que xa se está a realizar na cidade, e tamén se mellorará a comodidade dos viandantes, pois as persoas que desexen vir camiñando poderano facer de forma segura, xa que haberá beirarrúas, e todo isto se fará desde unha perspectiva de xénero”, apuntou.

Preparación da segunda fase

Lara Méndez lembrou que “hoxe podemos anunciar que se inician as obras deste proxecto, despois dun arduo e complexo proxecto de expropiación, no que tivemos que ter interlocución con 65 propietarios, e polo tanto 65 persoas coas que chegar a acordos, no que houbo tamén alegacións lícitas e lexítimas, que nuns casos se desestimaron e noutros se estiman, o que implica modificacións no proxecto e, evidentemente, todo isto complicou o proceso e fixo que tiveramos que retrasar este inicio das obras”.

“Porén o importante é que había un compromiso claro e decidido por parte de ambas administracións, como o hai de seguir traballando para abordar unha segunda fase de mellora da vía e, en breve, estaremos en disposición de poder facer algún anuncio neste sentido”, engadiu.

“Evidentemente, necesitamos tamén da Ronda Leste, ese compromiso que ten que ter a Xunta cos lucenses, pois evitaría ter que facer viaxes inútiles polas rúas do centro da cidade, que ademais a maioría hoxe xa están limitadas a 30 e nalgún caso a 20, e polo tanto acabar esa circunvalación ou mellorar esas vías de entrada evidentemente redunda moitísimo no día a día dos nosos veciños e veciñas e no impacto medioambiental que supón a contaminación”, concluíu.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o desdobramento de Infanta Elena | Descargar mp3

Noticias relacionadas