Adxudícanse as obras de pavimentación das rúas Monte Adeiro, Monte Pia Paxaro e rúa Vento

As obras teñen un prazo de execución dun mes

Mércores, 28 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Adxudícanse as obras de pavimentación das rúas Monte Adeiro, Monte Pia Paxaro e rúa Vento

O Alcalde en funcións, Rubén Arroxo, anunciou na rolda de prensa de hoxe que a Xunta de Goberno aprobou  a adxudicación das obras de pavimentación nas rúas Monte Adeiro e Monte Pia Paxaro, no barrio das Gándaras, e na rúa Vento, no barrio da Albeiros. Segundo Arroxo, ambas obras teñen un prazo de execución dun mes. No barrio das Gándaras, as obras foron adxudicadas a Construcciones Taboada y Ramos por 24.301€, mentres que no barrio da Albeiros será Ovisa a empresa encargada da pavimentación por un total de 8.541€.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación do contrato do servizo de mantemento de ascensores e portas mecánicas do Concello, adxudicado a AENOR por 15.692€.

Novo auditorio

En respostas aos medios, Rubén Arroxo indicou que “nos chamou a atención que a Xunta dixese que estaba pendente de que o Concello dese a alta da luz eléctrica”. Segundo Arroxo, “entendíamos que isto quedara explicado”. “Mentres este edificio non sexa entregado ao Concello, non se pode dar de alta a electricidade”, indicou Rubén Arroxo, que indicou que “a obra mantense coa luz de obra, que é unha cuestión da Xunta”. Rubén Arroxo indicou tamén que “temos un reto moi interesante que dende a área de Cultura se está estudando porque temos catro grandes edificios culturais e é ilusionante poderlles dar contido e que teñan unha actividade que sexa do interese da veciñanza de Lugo”.

Xuntanza co delegado da Xunta

Ao respecto da xuntanza que o Alcalde en Funcións lle solicitou ao Delegado da Xunta, Xosé Manuel Balseiro, Rubén Arroxo indicou que “é unha cuestión nas que deixa claro que non ten interese porque non haxa diálogo normalizado co Concello”. Rubén Arroxo indicou que na xuntanza quería tratar “asuntos de cultura, como o novo auditorio”, e tamén “asuntos de infraestruturas como pode ser a  Rúa Serra de Meira”. Para Arroxo, “semella que a Xunta non ten moito interese en cumprir os compromisos que tantos anos levan pendentes con Lugo”.

Peonalización da Mosqueira

Rubén Arroxo indicou que “a nosa idea é que no ano 2020, cando haxa orzamentos, se poidan dar os pasos para levar isto adiante e se é posíbel, poder rematar esta actuación durante ese ano”. Rubén Arroxo indicou que “estamos traballando nun plan de mobilidade específico para a modificación do tráfico” e engadiu que “queremos que este espazo, máis aló de ser unha rúa da que se retiren os vehículos, sexa unha praza emblemática para Lugo”

Rotonda da Avenida da Coruña

Rubén Arroxo indicou que “esperamos que se poidan facer probas cunha rotonda provisional en pouco tempo”. O Alcalde en Funcións indicou que “no servizo de enxeñaría xa se está a realizar o estudo para poder executar despois a obra”. Segundo Arroxo “pensando en retirar o tráfico do casco histórico, é cuestión necesaria retirar o tráfico da rúa Montevideo”.  Para o Alcalde en funcións, esta rotonda sería necesaria “para que se poida seguir utilizando o aparcadoiro soterrado da praza de Ferrol”.

Audios

  • Rubén Arroxo, sobre o novo auditorio | Descargar mp3
  • Rubén Arroxo, sobre a peonalización da Mosqueira| Descargar mp3
  • Rubén Arroxo, sobre a rotonda da Avenida da Coruña | Descargar mp3
  • Rubén Arroxo, sobre a xuntanza co delegado da Xunta | Descargar mp3

Noticias relacionadas