Adxudicados en 110.600 euros os servizos de cociña, comedor e lavandería das escolas infantís Serra de Outes e Gregorio Sanz

A Xunta de Goberno aprobou resolver a adxudicación das casetas e caldeiros do polbo concedidos a Bruxa Consulting por impago en prazo da taxa ofertada, a incautación da garantía definitiva e iniciar un novo expediente de adxudicación

Mércores, 10 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a adxudicación dos servizos de cociña, comedor e lavandería das escolas infantís municipais Serra de Outes e Gregorio Sanz á empresa A Billarda por un importe total de 110.600 euros e un prazo de dous anos, aos que poderán sumarse outros dous de prórroga. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo, na que explicou que a adxudicataria foi a firma que presentou “unha oferta economicamente máis vantaxosa e con melloras no convenio colectivo de aplicación dentro das cláusulas sociais”.

Miguel Fernández informou así mesmo de que a Xunta de Goberno acordou resolver a autorización para a ocupación de dominio público das casetas números 1 e 3 e caldeiros do polbo números 1 e 3 das festas de San Froilán concedidos a Bruxa Consulting SL por falta de pagamento en prazo das taxas ofertadas, así como incautarse da garantía definitiva (o 5% do importe anual ofertado); e iniciar un novo expediente para a adxudicación das devanditas casetas e caldeiros. Así mesmo, o Concello resérvase o dereito de reclamar danos e prexuízos, pois se na nova adxudicación o importe económico resulta menor ao ofertado por Bruxa Consulting reclamaráselle a diferenza.

Outro dos asuntos aprobados esta mañá foi unha addenda ao acordo de colaboración entre o Concello, Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia para desenvolver obras dentro da Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) do casco histórico consistente na ampliación do número de vivendas obxecto de rehabilitación, sen que supoña incremento ningún do financiamento inicialmente previsto (685.700€). O acordo inicial prevía a rehabilitación de 21 vivendas e coa addenda súmanse outras 21.

A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda, conceder a licencia solicitada pola Axencia de Turismo de Galicia para desenvolver obras de recuperación, sinalización e mellora do Camiño de Santiago no tramo que discorre polo municipio de Lugo. O orzamento das actuacións é de 193.720 euros e o prazo de execución, de 6 meses.

Noticias relacionadas