Adxudicado en 60.000 euros á empresa Calfensa a colocación de mobiliario e humanización do tramo peonil da Ronda da Muralla

Xoves, 02 de agosto de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Outros 73.000 euros irán destinados á instalación de alumeado público, con luminarias ornamentais de acordo co entorno monumental onde se ubicarán

A Mesa de Contratación adxudicou esta mañá á empresa Calfensa as obra de colocación de mobiliario e humanización do tramo peonil da Ronda da Muralla. As obras, que se acometerán neste verán, impedirán o estacionamento de vehículos neste entorno a partires do comezo do vindeiro curso escolar.

Na actualidade dáse unha situación de coexistencia dos tráficos persoal e rodado. Para paliar esta situación e devolver ao cidadán un espazo concibido para o seu goce, plantéxase a humanización do tramo en cuestión mediante a colocación de distintas pezas de mobiliario urbano que inviten ao peón a facer un uso recreativo da zona. A partir de agora só se permitirá o acceso por esta rúa aos residentes do casco histórico, así como ao transporte público e vehículos de emerxencia.

A empresa encargada das obras será a lucense Calfensa, por un importe de 60.639 euros, cunha pequena rebaixa de 50 euros sobre o prezo inicial de saída a concurso, 60.689 €. A este orzamento hai que engadir outros 73.000 € que irán destinados á instalación de alumeado público. Colocaranse un total de 22 bancos con xardineira; 7 xardineiras e 7 papeleiras no tramo comprendido entre a Rúa Vilalba e a Praza da Constitución, adoptando este tramo a partir de agora un carácter peonil eminentemente peonil. Ademais instalaranse luminarias de acordo co entorno monumental.

Política de recuperación e humanización de espazos públicos.

Esta actuación esta relacionada coas propostas existentes no documento da Axenda 21 como proposta de rexeneración do espazo urbano e suporá “a mellora e humanización do tramo peonil da Ronda da Muralla”. O proxecto foi redactado polo departamento de Infraestruturas e Axenda 21, que dirixe a nacionalista Paz Abraira. O mobiliario quedará instalado antes do comezo do próximo curso e converterá esta zona en peonil dun xeito definitivo. “Esta intervención supón gañar este tramo como espazo de uso para os veciños e veciñas e convertelo nunha sala de estar para os lucenses”, definiu Paz Abraira no momento da presentación do proxecto.

Multimedia

Noticias relacionadas