Adxudicada a reurbanización da rúa Torre de Doncos e a mellora da accesibilidade no entorno do centro de saúde de San Roque

O Goberno avanza con estas obras na execución do Plan de Barrios, ao que dotou de 2,5M€ no marco dos Orzamentos que sacou adiante, para atender as peticións trasladadas pola veciñanza e cumprir os acordos do Pleno

Venres, 10 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo segue avanzando na execución das obras proxectadas nos Orzamentos deste 2018 que sacou adiante coa adxudicación das obras para a reurbanización integral da rúa Torre de Doncos, nas Gándaras, e a mellora da accesibilidade no entorno do centro de saúde de San Roque. O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, subliñou que son dúas actuacións moi demandadas pola veciñanza que o Executivo pode levar a cabo grazas ao Plan de Barrios que sacou adiante dentro dos presupostos, ao que dotou dunha partida de 2,5M€ co fin de reactivar os distritos da cidade e precisamente para atender da maneira máis áxil posible as peticións trasladadas polos veciños e veciñas e tamén acordadas pola Corporación no Pleno.

A obras na rúa Torre de Doncos, adxudicadas en 131.800€, consisten na renovación dos firmes e pavimentos da calzada e as beirarrúas (que pasarán a ter 1,5ms en cada marxe), unha modificación lixeira da rasante da rúa para adaptala ás entradas das vivendas e garaxes, a substitución das redes de saneamento e abastecemento, a dotación de novo alumeado, que levará consigo o soterramento do cableado e a instalación de luminarias sobre báculos ao longo de toda a rúa, e a sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución é de 4 meses.

En canto á mellora da accesibilidade en San Roque foi adxudicada, segundo o determinado pola Mesa de Contratación, en 27.500€. Os traballos, que contan cun prazo de execución de 6 semanas, inclúen o cambio das baldosas actuais por unhas de maior adherencia, a colocación de varandas galvanizadas en cor azul en oito tramos da rúa Ramón Montenegro, Carril do Xuízo e rúa Pena Anda e o pintado de dous novos pasos de peóns, no cruce entre as dúas últimas rúas. A maiores, tamén se repasará a sinalización horizontal da zona.

No marco do Plan de Barrios, o Goberno ten previstas outro medio cento de actuacións en todos os barrios da cidade, tanto de pavimentación, como de humanización, renovación de redes de abastecemento e saneamento, accesibilidade e dotación de mobiliario urbano.

Audio

  • Manuel Núñez sobre a adxudicación das obras Descargar mp3

Noticias relacionadas