Aberto o prazo de solicitude das axudas a asociacións, entidades deportivas e persoas con talento deportivo

O Concello destina preto de 200.000 euros ás tres convocatorias de axudas, que se poden solicitar dende hoxe e ata o día 18 de novembro

Mércores, 04 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello abriu este mércores o prazo de solicitude de tres liñas de subvención en materia social e deportiva, ás que destina preto de 200.000 euros. Trátase, por unha banda, das axudas para asociacións e entidades sen ánimo de lucro, coas que dinamiza o tecido asociativo do municipio e contribúe a que manteñan as súas actividades, dirixidas á mellora da calidade de vida dos cidadáns, e por outra, as destinadas a entidades deportivas e persoas con talento deportivo, co fin de promover e fomentar a práctica deportiva no municipio.

Todos os interesados en calquera destas tres liñas de axuda poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, dende hoxe e ata o día 18 de novembro, tal e como establece o anuncio publicado onte no DOG. As bases destas convocatorias de subvencións poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello www.lugo.gal

Asociacións e entidades sen ánimo de lucro

Dentro da liña de subvencións para asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro de carácter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente, para o desenvolvemento de actividades e o mantemento de equipamentos destínanse 45.500 euros. 

A contía máxima que recibirá cada colectivo será de 3.000 euros. Entre os criterios de valoración figuran o número de integrantes da asociación, e no caso de ser unha federación, o número de asociacións coas que contan; a antigüidade do colectivo; porcentaxe de mulleres na directiva; explicación detallada do proxecto; ter local propio ou alugado; gastos de persoal propio da asociación; interese xeral do proxecto e número de actividades presentadas. 

Entidades deportivas

O Concello destina 130.000 euros para os clubs, entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro. Poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións e ter tramitadas e en vigor ante a federación correspondente un mínimo de 10 licenzas. Non se admitirá máis dunha solicitude por club, asociación ou entidade.

A concesión das axudas, así como a súa cuantificación económica, dun máximo de 7.500 euros, efectuarase tendo en conta o número de deportistas federados, o número de deportistas femininas federadas e a traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello. Os aspectos subvencionables son gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade, tales como licenzas, material ou gastos de desprazamento, entre outros; ou gastos de persoal necesario para o desenvolvemento de actividades.

Persoas con talento deportivo

Á convocatoria de axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo destínanse 24.000 euros. Terase en conta o talento deportivo ao longo do ano anterior á publicación destas bases, que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como deportivo. Os solicitantes deberán ser deportistas afeccionados nados entre 1996 e 2001, estar federados nun club do concello e estar empadroado no municipio.

Noticias relacionadas