300 artesáns amosan ao vivo a arte do encaixe coa 1ª xuntanza de palilleiras na cidade de Lugo

O Presidente e a Concelleira participaron na xornada que reuniu a 300 palilleiras de Galicia, Asturias e Castela e León, que tivo lugar na Praza Horta do Seminario

As artesáns palillaron agrupadas por colectivos intercambiando os seus coñecementos e mostrando o seu traballo a todos os asistentes. A xornada contou cun mercado de materiais do encaixe e menús especiais nos establecementos da zona

Esta xuntanza enmárcase na programación do PalillAD, que inclúe unha mostra e 6 obradoiros na Capela de Santa María. Inscricións en info.centrad@deputacionlugo.org

Sábado, 17 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
300 artesáns amosan ao vivo a arte do encaixe coa 1ª xuntanza de palilleiras na cidade de Lugo

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, participaron este sábado na primeira xuntanza de palilleiras que acolle a cidade de Lugo. A xornada, que tivo lugar na Praza Horta do Seminario, reuniu a 300 palilleiras de Galicia, Asturias e Castela e León que amosaron a arte do encaixe a todos o asistentes. É unha das actividades, totalmente gratuítas, do PalillAD, o programa co que o Goberno da Deputación, coa colaboración do Concello de Lugo, pon en valor o labor das palilleiras e contribúe á dinamización social e económica da provincia.

Nesta primeira xuntanza participaron artesáns de Lugo, Ourense, A Coruña, Oviedo e León que palillaron agrupadas por colectivos intercambiando os seus coñecementos e mostrando o seu traballo. O encontro contou cun mercado de materiais para o encaixe grazas á colaboración da Asociación Agulla Máxica de Lugo. Ademais, nos establecemos hostaleiros da zona ofrecéronse menús con prezos especiais grazas á colaboración da Asociación Provincial de Hostaleiros.

Máis actividades do PalillAD

A programación do PalillAD inclúe unha exposición na Capela de Santa María ata o 25 de xullo que amosa como se mestura o arte de palillar coa moda e a decoración. A mostra conta con 19 pezas, como traxes de cerimonia ou lámpadas, todas elas elaboradas por profesionais galegos, que incorporaron aos seus traballos o encaixe de palilleiras de Lugo e A Coruña. O horario é de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.

O PalillAD inclúe 6 obradoiros, impartidos pola galega Milagros Vázquez, sobre a iniciación ao encaixe, nivel medio e perfeccionamento das técnicas de encaixe moderno, remate, fío máxico, encaixe ruso e cinta. Os cursos están dirixidos a palilleiras e persoas que queiran iniciarse na disciplina do encaixe.

Terán lugar os días 20, 22 e 29 de xuño e 6, 13 e 20 de xullo na Capela de Santa María en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Os interesados deberán enviar un correo a info.centrad@deputacionlugo.org co obradoiro solicitado, datos persoais e número de teléfono.

Noticias relacionadas