O Concello conmemora o Día Mundial da Menopausia cunha xornada para resolver dúbidas e desterrar mitos

A actividade, organizada pola Concellería de Muller e Conciliación, reuniu no Vello Cárcere a catro especialistas en medicina familiar, xinecoloxía, psiquiatría e nutrición.

Luns, 19 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello conmemora o Día Mundial da Menopausia cunha xornada para resolver dúbidas e desterrar mitos

O Concello de Lugo conmemorou o Día Mundial da Menopausia cunha xornada divulgativa celebrada esta tarde no Vello Cárcere e organizada pola Concellería de Muller e Conciliación, dirixida por Aurora Goás. O encontro tivo como obxectivo falar abertamente sobre a menopausia, resolver dúbidas e desterrar mitos e falsas crenzas arredor desta etapa da vida das mulleres.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou na apertura institucional da xornada, na que interviñeron catro especialistas de diferentes ámbitos: Ainhoa Rois García, especialista en medicina familiar; Ana López Domínguez, médica especialista en xinecoloxía e obstetricia; Paula Cores, xefa do Servizo de Psiquiatría do HULA; e Sara Barreiro, especialista en dietética e nutrición.

Durante o encontro, as especialistas incidiron na importancia de falar abertamente sobre a menopausia e normalizala, evitando que siga sendo un tema silenciado. Tamén destacaron a conveniencia de acudir a atención primaria para resolver dúbidas e recibir asesoramento, así como de recorrer a outros profesionais sanitarios cando sexa necesario.

A alimentación saudable e a actividade física ocuparon tamén un lugar destacado, con especial atención aos beneficios do exercicio de forza. Ademais, abordouse a importancia de aceptar os cambios físicos asociados á menopausia con naturalidade, sen culpabilidade nin presións.

No peche da xornada, a concelleira de Muller e Conciliación, Aurora Goás, incidiu na necesidade de non asociar a menopausia cunha imaxe de fraxilidade das mulleres. Pola contra, defendeu unha visión positiva desta etapa, que pode representar unha parte moi importante da vida e que debe vivirse con información, acompañamento e benestar.

Con esta iniciativa, o Concello de Lugo quixo contribuír a visibilizar a menopausia, favorecer o acceso a información rigorosa e ofrecer un espazo no que as mulleres puidesen compartir as súas inquedanzas e resolver dúbidas con profesionais especializados.

Multimedia

  • O Concello conmemora o Día Mundial da Menopausia cunha xornada para resolver dúbidas e desterrar mitos

Noticias relacionadas