O Executivo Municipal impulsa as Xornadas de Saúde Feminina para fomentar o benestar das mulleres no marco da programación do 8M

O ciclo, que terá lugar entre marzo e xuño, inaugurarase este venres cunha charla no Vello Cárcere a cargo do xefe do Servizo de Cardioloxía do Hula, o Doutor Juanatey.

Angeles Novo: “A prevención e o coñecemento son ferramentas clave para o benestar, e estas xornadas representan unha oportunidade para aprender e compartir experiencias”.

Abordaranse diversos temas de interese relacionados coa saúde física e emocional das mulleres, contando coa participación de profesionais especializados en cada área.

Xoves, 20 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo Municipal impulsa as Xornadas de Saúde Feminina para fomentar o benestar das mulleres no marco da programación do 8M

A Área de Muller, Igualdade e Inclusión, que dirixe a edil Ángeles Novo, porá en marcha este venres un ciclo de Xornadas sobre Saúde Feminina, unha serie de encontros informativos e formativos dirixidos a mellorar a saúde e o benestar das mulleres da cidade. Estas xornadas, que terán lugar entre marzo e xuño, abordarán diversos temas de interese relacionados coa saúde física e emocional das mulleres, contando coa participación de profesionais especializados en cada área.

A iniciativa enmárcase na programación de actividades que puxo en marcha o Executivo Municipal con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. “O evento inaugural terá lugar mañá, a partir das 18:30 horas, no auditorio do centro cultural O Vello Cárcere, onde o xefe do Servizo de Cardioloxía do Hula, o Doutor Juanatey, dará unha charla sobre a prevención de enfermidades cardiovasculares na muller”, explicou a Ángeles Novo.

“As enfermidades do corazón son a principal causa de morte nas mulleres en todo o mundo, sobre todo a partir dos 50 anos, e moitas veces os seus síntomas pasan desapercibidos ou confúndense con outras doenzas. Por iso é fundamental que nos informemos e tomemos medidas preventivas para coidar a nosa saúde e a das nosas familias”, afirmou a concelleira.

A entrada para esta charla inaugural será libre ata completar o aforo, para o resto será preciso inscribirse a través do email: igualdade@lugo.gal. As xornadas continuarán o 27 de marzo cunha charla-taller titulada "O coidado das coidadoras", impartida por Marta, psicóloga da clínica Cuídate. Esta actividade desenvolverase en dúas sesións no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, tanto o 27 de marzo como o 1 de abril, ás 18:00 horas.

A seguinte sesión será o 10 de abril coa charla-taller "Peri/Menopausa, conexión co teu corpo", impartida pola fisioterapeuta Carolina del Río. Este encontro celebrarase na Casa da Xuventude ás 18:00 horas. O 22 de abril, a Asociación de Dano Cerebral (ADACE) ofrecerá unha charla sobre "A muller no dano cerebral adquirido", que terá lugar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra ás 18:30 horas. O programa continuará o 8 de maio cunha charla sobre "A menopausa. Qué debemos coñecer", impartida polas doutoras Laura Varela e Andrea Raña, do servizo de xinecoloxía do HULA. Este evento terá lugar no Vello Cárcere ás 18:00 horas.

O 22 de maio, a Fundación do Colexio de Odontoloxía de Lugo impartirá unha charla sobre "A saúde bucodental na muller" no Centro de Convivencia de Lamas de Prado, tamén ás 18:00 horas. Finalmente, o ciclo pecharase o 9 de xuño cunha sesión titulada "Lipedema: a importancia do exercicio na muller", organizada pola Asociación Galega de Linfedema. Este evento terá lugar no Vello Cárcere ás 18:00 horas.

“Desde o Concello de Lugo animamos a todas as mulleres a participar nestas sesións, que buscan crear espazos de formación e diálogo sobre aspectos fundamentais da saúde feminina. A prevención e o coñecemento son ferramentas clave para o benestar, e estas xornadas representan unha oportunidade única para aprender e compartir experiencias”, concluíu Novo.

Audio

  • A edil de Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, sobre as xornadas sobre a Muller | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo Municipal impulsa as Xornadas de Saúde Feminina para fomentar o benestar das mulleres no marco da programación do 8M

Noticias relacionadas