As Aulas Abertas do Concello rematan xullo cunha asistencia media de case o 90 por cento nos cinco centros sociais da cidade

Pola súa banda, o programa de integración sociocomunitaria desenvolvido en seis parroquias rurais, acadou un 92 por cento de participación o pasado mes.

O alcalde visitou, xunto á concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, o centro de Abella e destacou o éxito deste plan municipal de conciliación. 

Desde o Concello ofertáronse prazas en varios núcleos do municipio para atender todas as demandas da veciñanza e dar alternativas ás familias durante as vacacións escolares. 

Xoves, 07 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As Aulas Abertas do Concello rematan xullo cunha asistencia media de case o 90 por cento nos cinco centros sociais da cidade

O programa de Aulas Abertas nos centros de convivencia municipais, tanto urbanos como rurais, rematou cunha moi alta participación no mes de xullo, que no caso dos centros sociais da cidade foi de preto do 90 por cento, mentres que no das parroquias rurais acadou o 92 por cento. Así o puxo de manifesto o alcalde de Lugo, quen visitou xunto a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, ás cativas e cativos que participan no local de Abella, en Lamas de Prado, un centro que en xullo prestou este servizo a case 40 nenos e nenas, o mesmo número previsto para o mes actual. Miguel Fernández destacou “a boa acollida ano tras ano deste tipo de programas municipais que favorecen a conciliación laboral e familiar. Tanto nos centros da cidade como nos das parroquias rurais se cubriron as prazas ofertadas e a porcentaxe media de asistencia está no 90 por cento, ofrecendo alternativas para os cativos e cativas durante os períodos non lectivos”. 

Para o pasado mes de xullo, os cinco centros de convivencia da cidade puxeron a disposición das familias un total de 223 prazas, divididas en dúas quendas para cubrir as dúas quincenas de xullo, con actividades dirixidas a cativas e cativos de 4 a 10 anos, en horario de 8.30 a 14.30, nos centros de A Milagrosa, Maruja Mallo, Fingoi, Paco Martín e o citado de Abella, en Lamas de Prado. Por outra banda, nos centros das parroquias rurais de Pías, Calde, O Burgo, Santa Comba, Saa, San Xoán do Campo e Bosende fíxose o propio, ofertando preto de 80 prazas, para desenvolver o programa de Aulas Abertas no verán, cunha participación moi alta, en quendas diferentes que responden á demanda das familias do rural, tanto para todo o mes de xullo; de mediados de xullo a mediados de agosto; e tamén desde o vindeiro día 11 ata o 28 de agosto, como é o caso da parroquia de Bosende, onde aínda non comezou a actividade, pero as prazas xa se cubriron.

Nas Aulas Abertas urbanas tamén hai unha moi boa previsión para o actual mes, nas que a Concellería de Cohesión Social puxo a disposicións dos nenos e nenas lucenses un total de 230 prazas nos mesmos cinco centros de convivencia da cidade. De feito, nalgúns destes centros, explica a edil López Racamonde, “nun principio ofertamos menos prazas, que finalmente se ampliaron para dar resposta ás solicitudes de familias con varios fillos e fillas, polo que para o mes de agosto hai un total de 230 admitidas e admitidos”.

Tamén a concelleira Ana González Abelleira, responsable destas aulas nas parroquias do municipio, destacou a boa acollida deste programa por parte das familias lucenses da zona rural, “ás que ofrecemos alternativas de cara a conciliación das súas obrigas laborais cos períodos non lectivos das crianzas, ao tempo que contribuímos a mellorar a integración dos cativos e cativas, a súa convivencia e a súa pertenza á parroquia rural”.

Na concesión de prazas, tanto para as Aulas Abertas urbanas como rurais, prímanse as reservas para as familias en situación de vulnerabilidade. Tamén ten prioridade as persoas con diversidade funcional, co obxectivo non só de que estes nenos e nenas poidan beneficiarse destes programas senón tamén para favorecer a súa integración.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre as Aulas Abertas | Descargar mp3

Multimedia

  • As Aulas Abertas do Concello rematan xullo cunha asistencia media de case o 90 por cento nos cinco centros sociais da cidade
  • As Aulas Abertas do Concello rematan xullo cunha asistencia media de case o 90 por cento nos cinco centros sociais da cidade

Noticias relacionadas