O Concello de Lugo abre o luns o prazo de solicitudes para as 380 prazas nas aulas abertas de verán, coas que favorecer a conciliación

Con estas actividades, para nenas e nenos de 4 a 10 anos, a área de Cohesión Social busca compaxinar a vida laboral coas vacacións escolares, desde as 8.30 ás 14.30 horas.

Olga López Racamonde cre que “así melloramos a integración sociocomunitaria das familias lucenses e impulsamos actividades nos centros de convivencia tamén no verán”.

As solicitudes de inscrición realizaranse entre os días 9 e 13, nos centros da Milagrosa, Lamas de Prado, Maruja Mallo e Fingoi, en horario de 09:00 ás 13:00 horas.

Venres, 06 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo abre o luns o prazo de solicitudes para as 380 prazas nas aulas abertas de verán, coas que favorecer a conciliación

 Co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares, a área de Cohesión Social do Concello de Lugo pon en marcha un ano máis as aulas abertas do verán, ofertando 380 prazas, dun programa dirixido a nenas e nenos de 4 a 10 anos, que se desenvolverá en catro quendas durante os meses de xullo e agosto.  As aulas comezarán as 8.30 da mañá e se prolongarán ata as 14.30, co fin de cubrir ao máximo a xornada laboral, e terán lugar nos centros de convivencia de Milagrosa, Maruja Mallo, Fingoi, Lamas de Prado e Paco Martín. Precisamente, en todos estes centros, agás no Paco Martín, poderán facerse as solicitudes de inscricións entre os días 9 e 13 de xuño, en horario de 09.00 a 13.00 horas, agás as correspondentes ás aulas no citado centro, que se realizarán no da Milagrosa.

A concelleira da área de Cohesión Social, Olga López Racamonde, explicou que con estes programas de aulas abertas “non só contribuímos a favorecer esa conciliación da vida laboral e familiar, senón que melloramos a integración sociocomunitaria das familias lucenses e impulsamos actividades nos centros de convivencia, tamén durante os meses de verán”.

Unha vez rematado o período de presentación das solicitudes, ao longo da semana que ven, o sorteo informático de prazas terá  lugar o 18 de xuño, para un día despois publicar a lista provisional de persoas admitidas. Esa mesma xornada e os días 20, 23 e 24 os admitidos poderán realizar o pago da cota, para rematar o proceso o día 26, coa publicación da lista de admitidos definitiva.

As datas das actividades de verán organizaranse en 4 quendas, distribuídas do 1 ao 15 de xullo (11 días); do 16 ao 31 de xullo (11 días); do 1 ao 14 de agosto (10 días) e do 18 ao 29 de agosto (10 días). O horario de todas as aulas abertas é de 8:30 ás 14:30 h, de luns a venres.

As Aulas Abertas ofertan un total de 380 prazas distribuídas en cinco centros e quendas. Así o centro de convivencia de Fingoi porá a disposición 20 prazas por quenda; o mesmo número que ofertarán os centros de Paco Martín, Maruja Mallo e Milagrosa. Pola súa banda, o de Lamas de Prado, porá a disposición das familias lucenses un total de 15 prazas por quenda.

Segundo explica a concelleira de Cohesión Social “ao igual que outros anos, prímanse as facilidades para acceder a estes programas de conciliación de todas as familias lucenses, e de xeito especial, coa reserva de determinadas prazas ás familias en situación de vulnerabilidade, non superando o 20 por cento do total das prazas de cada quenda. Tamén darase prioridade ás persoas con diversidade funcional, con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, cando as súas necesidades especiais lles permitan beneficiarse e participar nas actividades que se van desenvolver".

Para acceder a estas prazas, os nenos e nenas deberán ter idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos e estar empadroados no Concello de Lugo. Unha vez comprobada a admisión e formalizado o pago das cotas, presentarase o xustificante de pago no centro de convivencia correspondente ata, como máximo, o día 24 de xuño. Ditas cotas, serán de 10,30 euros para as quendas de agosto, de 10 días, e de 11,33 euros para as que se desenvolverán no mes de xullo, todas de 11 xornadas.

Ademais, haberá bonificacións do 50 por cento para segundos fillos o fillas da mesma unidade familiar, mentres que o terceiro irmán ou irmá quedará exento do pagamento, previa xustificación e sempre e cando os ingresos da unidade familiar ou de convivencia non superen dúas veces o IPREM do ano 2024.

Audio

  • A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre as Aulas Abertas de Verán 2025 | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo abre o luns o prazo de solicitudes para as 380 prazas nas aulas abertas de verán, coas que favorecer a conciliación
  • O Concello de Lugo abre o luns o prazo de solicitudes para as 380 prazas nas aulas abertas de verán, coas que favorecer a conciliación

Noticias relacionadas