“Demandamos á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias no Servizo de Axuda no Fogar”, denuncia Olga López Racamonde

A concelleira de Benestar Social reclama que a Xunta cubra o custo real do SAF, dote as horas necesarias e elimine as listas de espera en Lugo.

Lamenta que a administración autonómica nin execute nin reforze os servizos que ten ao seu cargo, a pesar de contar con máis financiamento estatal.

A edil mantén unha rolda de encontros co tecido asociativo da cidade para canalizar as súas demandas e dar resposta ás urxencias máis inmediatas.

Venres, 23 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
“Demandamos á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias no Servizo de Axuda no Fogar”, denuncia Olga López Racamonde

“O Concello de Lugo está asumindo o 43,4% do custo do SAF, case dous millóns de euros. Non é sostible, non é xusto e está a pór en risco a atención que ofrecemos á veciñanza máis vulnerable”, advertiu esta mañá a concelleira de Benestar Social, Olga López, durante unha comparecencia na que expuxo a situación crítica do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de dependencia e do resto de prestacións sociais que dependen da administración autonómica.

A edil lembrou que actualmente hai 593 persoas en lista de agarda para o SAF da Xunta, cando hai dous anos eran 410. “Mentres a Xunta deixa sen atender a centos de persoas, o Concello atende 278 usuarios co noso servizo municipal, sen lista de espera, a pesar de que non é unha competencia propia”, explicou.

Olga López denunciou tamén que o Concello está a cubrir más do 40% da demanda total de SAF cun servizo que non lle corresponde e que custa case 21 euros por hora. “A Xunta só achega 12 euros, dos cales 6 veñen do Goberno central. Polo tanto, a Xunta apenas paga 7 euros por hora, incumprindo a súa propia normativa”, indicou.

Neste sentido, apuntou que a Orde do 2 de xuño de 2023 establece que a Xunta debe cubrir a diferenza entre o custo total e a achega da persoa usuaria, pero non o fai. E tamén recordou que a Lei 13/2008 obriga a transferir recursos cando se delegan competencias, algo que tampouco se cumpre. A día de hoxe, segundo datosmunicipais,hai máis de 14.800 horas mensuais para asignar en Lugo para persoas con dependencia dos graos II e III.

“A pesar de todo, Lugo está a facer os deberes: temos un SAF municipal sen lista de agarda, reforzamos o persoal técnico e mantemos servizos como o Fogar do Transeúnte cunha achega estatal de apenas 48.000 euros”, explicou a concelleira.

A voceira de Benestar Social tamén criticou o discurso da conselleira Fabiola García. “Non vale botarlle a culpa ao Estado mentres non se executan os servizos que xa están transferidos. Desde 2021, o Goberno central aumentou un 94% os fondos para dependencia, pero Galicia non os está utilizando para reducir listas nin mellorar prestacións”, remarcou. “Desde 2023 o Plan de Choque do Estado achegou 47,3 millóns de euros á Xunta de Galicia sen que estos se transferisen aos concellos”.

Olga López rematou a súa intervención facendo un chamamento á Xunta: “Pedímoslle que cumpra a súa normativa, que cubra o custo real do SAF, que elimine a lista de espera e que se sente con nós a falar con seriedade dos recursos que necesita Lugo. Que exerza as súas competencias con responsabilidade, polo ben dos veeciños e veciñas”.

Contacto directo coas asociacións: atención personalizada e respostas concretas

A concelleira aproveitou a rolda de prensa para facer balance das reunións que está a manter coas asociacións do eido do benestar, a saúde e a integración social. “A nosa prioridade é coñecer de primeira man as necesidades das entidades, dar resposta ás demandas máis urxentes e axudar na difusión do seu traballo”, explicou.

Neste contexto, Olga López anunciou que xa se concretaron varias accións. Coa asociación Acougo organizouse unha xornada informativa sobre o acollemento familiar, que terá lugar o vindeiro 27 de maio no Centro de Convivencia de Fingoi. “Lugo é unha das cidades galegas con menos familias acolledoras e é fundamental visibilizar esta figura, resolver dúbidas e ofrecer información ás familias interesadas”, indicou.

Con Alcer estase a traballar para solucionar os problemas co enderezo da súa sede, ademais de colaborar no financiamento dun mural de homenaxe á figura do doante, que se executará nun espazo público da cidade. No caso de Alucem, atendeu a súa solicitude de mellora do sistema de aire frío no ximnasio da Casa Clara Campoamor, onde teñen a súa sede, e o equipamento foi instalado nas últimas semanas.

Tamén se está a estudar coa asociación Aspace a instalación dun cambiador adaptado en dependencias municipais. As opcións que se están a valorar inclúen o Parque Rosalía de Castro ou a Praza Maior, o que convertería a Lugo na segunda cidade galega en contar cun espazo destas características. Ademais, realizouse un informe sobre accesibilidade no auditorio municipal Fuxan os Ventos que será presentado no Gabinete de Accesibilidade o 5 de xuño.

Por último, con Dano Cerebral Lugo estase a impulsar unha reunión entre Concello, Deputación e Xunta co obxectivo de atopar unha nova sede para a entidade, xa que a actual resulta claramente insuficiente para o volume de actividade que desenvolven.

“As reunións van continuar nas vindeiras semanas. Queremos que as entidades nos teñan como aliados e que saiban que este Goberno local está da súa parte”, concluíu Olga López.

Noticias relacionadas