O Concello reabre o canil de Frigsa tras unha inspección técnica e garante o seu uso con medidas de seguridade

O pasado luns 16 de marzo procedeuse á sinalización da área afectada e á reapertura parcial do canil, que xa pode ser utilizado pola cidadanía con normalidade na parte habilitada que supón máis do 90% da superficie

Martes, 17 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo informa de que o canil de Frigsa xa se atopa en funcionamento, se ben contará cunha zona acoutada por motivos de seguridade, seguindo as recomendacións técnicas realizadas tras unha recente inspección.

O Servizo municipal de Medio Ambiente, a través de Parques e Xardíns, en coordinación co Servizo de Enxeñería, encargou con carácter urxente unha visita de avaliación técnica, que foi realizada o pasado 26 de febreiro por persoal especializado dunha empresa do sector.

Como resultado desta inspección, cuxo informe foi remitido ao Concello o 12 de marzo, recomendouse delimitar unha zona concreta do recinto e permitir a reapertura do resto do espazo en condicións de uso seguro.

Deste xeito, o pasado luns 16 de marzo procedeuse á sinalización da área afectada e á reapertura parcial do canil, que xa pode ser utilizado pola cidadanía con normalidade na parte habilitada que supón máis do 90% da superficie.

O informe técnico tamén indica a conveniencia de realizar unha prospección xeotécnica complementaria, co fin de concretar con maior detalle o alcance da incidencia detectada e definir, no seu caso, as solucións máis axeitadas.

Dende o Concello sublíñase que a actuación desenvolveuse con axilidade e seguindo criterios técnicos, co obxectivo de compatibilizar o uso do espazo coa máxima garantía de seguridade, ao tempo que se continúa avanzando na avaliación completa da zona.

Noticias relacionadas