A Policía Local mobilizará 6 patrullas ao longo do festival, ademais dunha unidade de atestados para reforzar a seguridade viaria.
O Corpo de Bombeiros destinará dúas dotacións en momentos de maior afluencia e ampliará a 15 os efectivos dispoñibles no parque.
Miguel Fernández salientou que “Lugo acolle unha das grandes citas musicais do país cun operativo coordinado para gozar do festival con seguridade e responsabilidade”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade convocada con motivo da celebración do Caudal Fest, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro na contorna fluvial do Miño.
Na reunión concretáronse os medios e recursos que conformarán o operativo especial, que mobilizará diferentes áreas municipais e contará co reforzo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O dispositivo estará operativo durante toda a fin de semana para garantir a seguridade cidadá, a orde pública e a regulación do tráfico, así como para atender posibles incidencias no recinto e na súa contorna.
Nese sentido, Miguel Fernández salientou que “Lugo acolle unha das grandes citas musicais do país cun operativo coordinado para gozar do festival con seguridade e responsabilidade”. O alcalde destacou ademais que o esforzo conxunto de todas as administracións permitirá que a cidade volva situarse como referente cultural e musical, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes as mellores condicións para gozar dun evento multitudinario con tranquilidade.
O dispositivo municipal inclúe 6 patrullas da Policía Local, así como unha unidade de atestados que prestará apoio en materia de seguridade viaria. Pola súa banda, o Corpo de Bombeiros ampliará a 15 os efectivos dispoñibles no parque e destinará dúas dotacións específicas para atender calquera incidencia in situ nos momentos de maior afluencia de público.
Ademais, Protección Civil colaborará na posta en marcha da sala de control de operacións e no posto de mando avanzado, desde os que se coordinarán os diferentes medios despregados para asegurar unha resposta rápida e eficaz ante calquera eventualidade.
A nivel estatal, a Subdelegación do Goberno avanzou que tanto a Policía Nacional como a Agrupación de Tráfico da Garda Civil reforzarán a súa presenza, xunto con efectivos da Policía Adscrita. Estes corpos coordinaranse cos servizos municipais para garantir o correcto desenvolvemento do festival, con especial atención ás vías de acceso e ás zonas de maior concentración de persoas.
O alcalde subliñou tamén que “a colaboración entre administracións é esencial para que Lugo proxecte ao exterior unha imaxe segura e acolledora, capaz de atraer visitantes e de consolidar eventos que deixan unha pegada positiva na cidade”.
Na Xunta participaron, ademais do alcalde e da subdelegada, representantes da Policía Local, do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento, da Dirección Xeral de Emerxencias, do Corpo Nacional de Policía, do Subsector de Tráfico da Garda Civil, da Policía Adscrita, de Protección Civil e da organización do Caudal Fest.


