
Detención por agresión con arma branca
Na tarde do día 30 de xuño, unha patrulla da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á Avenida Fábrica da Luz xa que ao parecer produciuse unha liorta.
Os axentes preséntanse de inmediato no devandito lugar observando que a dotación dunha ambulancia está a atender a un home, indicando que presenta lesións de arma branca e que ao parecer o seu agresor atópase nas inmediacións.
O agredido manifesta aos policías que mantivo unha discusión co seu agresor, que é identificado, o cal refire que actuou en defensa propia. Un dos sanitarios informa que a arma branca fora lanzada polo presunto agresor a un campo contiguo, sendo localizada polos axentes, escondida nun tronco dunha palmeira, tratándose dunha navalla.
O agredido é trasladado nunha ambulancia ao HULA xa que presenta un corte no abdome e o presunto agresor é detido por un delito de lesións, sendo trasladado a dependencias policiais para a instrucción das dilixencias e a súa remisión á Autoridade Xudicial.
Detención por violencia de xénero
A mesma tarde do día 30 de xuño, unha patrulla da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que compareza nun edificio da zona norte da cidade, xa que ao parecer unha muller solicita axuda porque a súa ex parella mostra un comportamento agresivo e non quere abandonar o domicilio.
Os axentes entrevístanse coa muller, no seu domicilio, no que tamén estaba a súa filla menor de idade. Unha vez obtida unha descrición do presunto agresor, inician un dispositivo para a súa procura, sendo localizado e identificado, procedendo á súa detención por un delito de violencia de xénero, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado correspondente.
Detención por violencia de xénero
A madrugada do día 29 de xuño, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a unha rúa do centro histórico xa que ao parecer había unha discusión de parella no interior dun vehículo.
Os axentes localizan o turismo e dentro del atópase unha muller moi alterada e nerviosa, que pasou a relatar os feitos aos efectivos da Policía Local.
Pasados uns minutos o home é identificado polos axentes aos que recoñece os feitos, aínda que di que non a agrediu en ningún momento, por tal motivo procédese á detención desta persoa por un presunto delito de violencia de xénero, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado correspondente.

