O concelleiro de Urbanismo, acompañado da coautora do proxecto, Susana Penedo, e do xerente de Evislusa, Benigno Jáuregui, asistiu ao acto de descubrimento da placa na que se recoñece a excelencia no deseño, na execución e na responsabilidade ambiental.
O edificio construído polo Goberno Local é o primeiro inmoble público realizado integramente con madeira autóctona, nunha clara aposta polos recursos naturais.
No acto de hoxe púxose en valor a distinción outorgada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid que define ao Impulso Verde como un icono urbano.

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, participou hoxe na xornada técnica celebrada no Impulso Verde, que rematou co descubrimento da placa que distingue ao Concello de Lugo co Premio Mapei pola construción deste edificio, no barrio da Garaballa, que recoñece a este inmoble como exemplo de arquitectura sostible por ser o primeiro realizado integramente con madeira autóctona, nunha clara aposta polos recursos naturais, e en especial polos recursos forestais. Este galardón, outorgado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid pode verse desde hoxe no edificio Impulso Verde, inmoble ao que o xurado deste premio definiu como icono urbano e exemplo na excelencia no deseño, na execución e na responsabilidade ambiental.
O edil de Urbanismo, que estivo acompañado pola arquitecta municipal e coautora do proxecto, Susana Penedo, e polo xerente de Evislusa, Benigno Jáuregui, sinalou que este “premio Mapei co que se distingue aos grandes proxectos da arquitectura sostible simboliza o que queremos construír para Lugo, o noso modelo de cidade, na que ten que primar un deseño urbano que poña en valor os recursos locais, e neste caso e de forma moi especial, os forestais”.
Jorge Bustos lembrou que “o xurado deste prestixioso premio define ao Impulso Verde como un edificio onde a sostibilidade se compaxina coa rotundidade formal converténdose nun icono urbano do espacio no que se asenta, creando un impacto positivo na contorna”, ao tempo que sinalou que desde o Goberno Local se está a realizar “unha aposta grande pola construcción con materiais de proximidade, naturais e renovables. Neste caso “o emprego da madeira autóctona servíu ademais para estimular a bioeconomía e xerar valor engadido aos recursos naturais locais”, explico Bustos.
Estes galardóns recoñecen obras de arquitectura que son exemplo de excelencia en deseño e execución, pero tamén que supoñan un compromiso firme coa sustentabilidade e a responsabilidade ambiental. Neste sentido, hai que lembrar que o Impulso Verde se fixo con este premio no 2024 nunha edición na que quedaron finalistas un total de 16 obras de toda a xeografía nacional, que optaron ao premio en tres categorías. Na de equipamento, o edificio de selo lucense tivo que competir con outros cinco grandes proxectos: Colegio Mayor Somosierra (Madrid); Reforma y ampliación de la Facultad de Filosofía y Letras de Zaragoza (Zaragoza), Hotel Acouga (Ourense); Mercado Provisional de Horta (Barcelona) e Centro de Primera Acogida para Mujeres sin hogar (Barcelona).


