O alcalde puxo o foco na necesidade de establecer un servizo matinal que permita chegar a Madrid antes das 10:30 h, para que a veciñanza poida facer xestións e regresar no mesmo día.
Reclamou tamén a recuperación de conexións con Barcelona e a cornixa cantábrica, ademais de melloras na rede interior galega e avances cara a unha liña directa con Santiago.
“É unha cuestión de igualdade e de futuro. A cidadanía de Lugo merece poder desprazarse nas mesmas condicións que o resto de Galicia”, subliñou Miguel Fernández.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo en Madrid co presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, na que logrou o compromiso da operadora pública para avanzar na mellora das conexións ferroviarias da cidade. O encontro serviu para trasladar unha batería de propostas asumibles a curto e medio prazo, coa prioridade de implantar un servizo que permita chegar a Madrid antes das 10:30 horas.
O propio rexedor cualificou a reunión como “moi produtiva”, e puxo o foco na necesidade de incrementar frecuencias e mellorar os horarios, “especialmente a primeira hora da mañá, o que nos permitiría conectarnos coa alta velocidade, chegar a Madrid antes das 10.30 horas, facer xestións e regresar a Lugo a última hora da tarde”.
Como resultado do encontro, Renfe comprometeuse a elaborar conxuntamente co Concello un estudo-proposta que, unha vez consensuado, será remitido ao Ministerio de Transportes para, no seu caso, a súa implementación no menor prazo posible. Este compromiso supón un primeiro paso clave para avanzar na mellora das conexións ferroviarias de Lugo e reducir as actuais desigualdades co resto de capitais galegas.
Miguel Fernández subliñou a relevancia deste avance para garantir a igualdade territorial: “Non podemos ter unha estación intermodal moderna, da que gozaremos en menos dun ano, sen trens que nos permitan chegar a Madrid a primeira hora. É unha demanda lóxica e urxente”.
O alcalde puxo o foco especialmente nas dúas peticións máis urxentes que trasladou á compañía ferroviaria: establecer unha conexión matinal que permita chegar a Madrid antes das 10:30 h e recuperar unha frecuencia de regreso en horario de tarde que faga posible realizar xestións na capital do Estado e volver a Lugo no mesmo día. “Falamos dunha cuestión de utilidade real para a cidadanía, que melloraría notablemente a calidade de vida das persoas e a competitividade da nosa cidade”, asegurou o rexedor.
Ademais destas melloras prioritarias, Miguel Fernández defendeu un paquete de actuacións a medio prazo para avanzar cara a un modelo ferroviario máis xusto e eficiente para Lugo. Entre elas o reforzo das conexións con Ourense en horarios clave para mellorar o enlace cos servizos AVE e AVLO, o avance no estudo dunha liña directa Lugo–Santiago, e a necesidade de retomar as conexións directas con Barcelona e coa cornixa cantábrica, desaparecidas coa eliminación do tren hotel e do servizo Arco.
“Lugo non pide privilexios, pide igualdade. Lugo necesita horarios útiles, máis frecuencias e estar no Corredor Atlántico de mercadorías. É unha cuestión de xustiza e de futuro, e imos loitar por iso”, concluíu Miguel Fernández.
Audio
- Miguel Fernández, sobre o compromiso de Renfe | Descargar mp3



