Paula Alvarellos brindou a súa colaboración para os actos reivindicativos deste colectivo, entre eles a convocatoria dunha manifestación, o próximo 27 de setembro, en contra deste proxecto industrial.
A alcaldesa insiste en que será especialmente rigorosa á hora da tramitación que lle compete e pedirá á administración galega a mesma minuciosidade amosada con outros proxectos.
Máis de sesenta veciñas e veciños das parroquias afectadas asistiron á reunión informativa, na que tamén interviu a edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira.
Alvarellos Fondo insiste que ademais da afectación medio ambiental, a construción da planta se fará na contorna de protección de elementos catalogados, que son parte do noso patrimonio cultural.
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo esta mañá unha reunión con máis de sesenta veciñas e veciños, integrantes da plataforma ‘Lugo...non quere cheiros’, que levan meses mobilizados en contra da instalación de planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización en Coeses. O encontro serviu tanto para presentar dita plataforma, como para que os seus integrantes informaran á alcaldesa dos pasos a seguir e coñeceran a postura do Goberno local “que segue a ser de total rexeitamento a dita planta”, tal e como o puxo de manifesto e como tamén constatou a edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira.
O Executivo de Paula Alvarellos brindou o seu total apoio aos actos previstos por esta plataforma, entre eles, a manifestación en contra da instalación deste proxecto industrial, prevista para o vindeiro día 27 de setembro. Ademais, a reunión serviu para poñer ideas en común e para que a rexedora municipal trasladara ás e aos asistentes a intención do Goberno local de ser “especialmente rigoroso á hora da tramitación que lle compete, ao tempo que esixirá a Administración galega a mesma minuciosidade amosada con outros proxectos municipais, nos que ao igual que neste, o afectación medioambiental é moi importante”.
Neste sentido, explicou que “hai moitos argumentos para defendernos como Administración e como veciñas e veciños. Lugo está intentando posicionarse como unha cidade de turismo sostible, verde e ecolóxica, e iso ten que ser parte da nosa forza”. Ademais, sinalou a alcaldesa “a construción desta planta non só afectará a un concello que ten unha grande potencialidade en todo o seu medio rural, senón tamén ao patrimonio cultural do municipio, porque as obras se farán na contorna de protección de elementos catalogados como a Mámoa de Barracón e o Xacemento de Trigás”, e instou “a que toda a cidadanía estea unida nesta reivindicación, porque afectará a todas as veciñas e veciños, e non só aos das parroquias de Coeses, Cuíña, Piugos, Soñar ou Santa Comba”.
Pola súa banda, a edil Ana González Abelleira procedeu á lectura do manifesto da plataforma, na que se explican as principias razóns polas que opoñerse á construción da planta, tales como “emisión de gases contaminantes, prexudiciais para a saúde; afectación a espazos naturais protexidos; risco de afectar a acuíferos e pozos con vertidos de augas sucias; previsión de 53.000 toneladas ao ano de residuos cárnicos, de conserveiras e outras industrias, que serán transportados en camións polas estradas de Lugo e, sobre todo, os cheiros que afectarán a toda a cidade provocados pola descarga de 25 camións diarios de entrañas de animais, peixes e restos lácteos”, e amosou o total rexeitamento do Executivo de Paula Alvarellos a esta planta tal e como está proxectada.
Ademais, a reunión serviu para informarlles dos trámites emitidos polo Concello de Lugo ao Goberno galego, administración que solicitou informe de augas dentro do proceso de tramitación para dita planta. Alvarellos Fondo trasladou aos representantes do citado colectivo que “o Concello de Lugo non é competente en materia de augas, xa que a planta non verterá á rede de saneamento municipal, senón directamente ao medio, o que dá a responsabilidade á CHMS, como organismo competente neste eido, e que xa emitiu un informe desfavorable”.
A alcaldesa de Lugo cumpriu así co compromiso adquirido meses atrás coas veciñas e veciños destas parroquias rurais de manterlles informados respecto aos trámites realizados dende o Goberno local, ao tempo que insistiu en que “desde o Concello estaremos especialmente vixiantes para que o Goberno galego cumpra escrupulosamente coa normativa medioambiental”.
Neste sentido, fixo fincapé en que o “Goberno local está a analizar e a emitir as súas conclusións en resposta ás solicitudes da Administración autonómica con independencia das alegacións presentadas desde o Grupo Municipal Socialista, que considera “terá un impacto ambiental negativo sobre a atmosfera, e polo tanto sobre as vivendas e as persoas”, explicou a alcaldesa. A este respecto, Paula Alvarellos dixo “compartir as preocupacións das e dos veciños destas parroquias rurais, por un proxecto que danará irremediablemente unha zona a menos de 1,5 quilómetros do río Miño, que linda coa Reserva da Biosfera Terras do Miño”.
Por último, a alcaldesa sinalou que “o Goberno galego debe esquecer que declaraou este proxecto como Iniciativa Empresarial Prioritaria e analizar os efectos negativos para a zona pola emisión de cheiros e gases contaminantes, vertidos de augas residuais ao regato de Vilalbite con posterior desprazamento ao río Miño, e vertidos de cheiros á atmosfera”. Agardamos que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente do Goberno autonómico, que terá que dar o si definitivo a esta planta en materia medioambiental, sexa igual de meticulosa e escrupulosa que o está a ser con outros proxectos. Do contrario, nin o Goberno local nin as e os lucenses entenderemos esta dobre vara de medir”.
Audios
- Ana González Abelleira, sobre a xestión de residuos orgánicos e biometanización en Coeses | Descargar mp3
- Paula Alvarellos, sobre a xestión de residuos orgánicos e biometanización en Coeses | Descargar mp3




