Estratexia de desenvolvemento urbano sostible para o Concello de Lugo

O Concello de Lugo está a desenvolver unha estratexia de desenvolvemento urbano sostible integrado (EDUSI). O proceso de elaboración da devandita estratexia partiu dunha análise integrada da área territorial e da identificación dos retos da cidade que afrontará a estratexia. O obxectivo para alcanzar é unha cidade máis intelixente, sostible e integradora. Para iso contémplanse na estratexia actuacións que permitan afrontar diferentes retos económicos, climáticos, ambientais, demográficos e sociais da cidade.

O desenvolvemento desta estratexia permitirá solicitar fondos FEDER para realizar as actuacións identificadas. Estas axudas están dirixidas a localidades que teñan máis de 20.000 habitantes. A dita solicitude podería dotar o Concello de Lugo dunha axuda de 15.000.000 €, que constitúe o importe máximo da axuda para as áreas cunha poboación de máis de 50.000 habitantes.

As actuacións incidirán en obxectivos relacionados coas tecnoloxías da información e da comunicación, coa economía baixa en carbono, co patrimonio, co medio ambiente ou coa inclusión social.

Ata o 31 de decembro de 2015, o Concello de Lugo recollerá as opinións da cidadanía a través dunha enquisa na súa páxina web. Deste modo, a cidadanía poderá mostrar as súas preferencias de investimento na cidade, e poderá identificar os problemas e retos da cidade que considere máis relevantes.

Enquisa de participación cidadá para a elaboración do Plan estratéxico de desenvolvemento sostible >>