Xuventude impulsa unha nova programación de lecer saudable como alternativa ao consumo de drogas na mocidade

A programación inclúe un taller de adestramento e hábitos saudables, obradoiros deportivos, roteiros literarios e tamén de sendeirismo. Terá lugar todos os sábados do 6 de febreiro ao 29 de maio

A rapazada, de entre 12 e 18 anos, que estea interesada en participar pode inscribirse achegando nome, apelidos, idade e DNI ao enderezo electrónico maisporti2020@lugo.gal

Luns, 01 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude impulsa unha nova programación de lecer saudable como alternativa ao consumo de drogas na mocidade

A área de Xuventude, a través do Servizo Municipal de Prevención de Drogas, pon en marcha unha programación centrada nos hábitos, valores e actitudes, dirixidas á prevención das drogodependencias e outras adiccións entre a mocidade. Trátase de actividades formativas para un ocio saudable, enmarcadas  na programación do +Xti, organizada polo Concello e subvencionada polo Plan Nacional de Drogas, que arrincarán o vindeiro  6 de febreiro, e terán lugar todos os sábados, ata o 29 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O seu inicio será vía online, con contidos de índole máis teórico, a modo de presentación-observación. Así pois, en febreiro desenvolverase un taller de actividade física, adestramento e hábitos saudables, onde terá lugar a presentación do proxecto e unha análise das rutinas alimenticias, físicas e deportivas de cada unha das persoas inscritas. Despois, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan, celebrarse na Praza do Castiñeiro, no barrio de Lamas de Prado.

Obradoiros deportivos, rutas literarias centradas no autor Ricardo Carvalho e nas autoras María Reimóndez e Rosalía de Castro e nos monumentos da Praza Maior; así como roteiros de sendeirismo polo río Rato, as ribeiras altas do Miño, o Monte  Segade ou a ruta das Chousas completan este programa que ten, entre outros obxectivos, lograr a integración da mocidade a partir de novos e innovadores espazos, pular pola socialización grupal asumindo actitudes de responsabilidade, solidariedade e respecto e recoñecer as habilidades individuais.

A edil Ana Gónzalez Abelleira indica que “a proposta do +Xti, conxuga, polo tanto, a educación física co fomento da creación dun ambiente adecuado para a formación da corporeidade de cada un dos mozos e mozas ao tempo que incorpora actividades didácticas na natureza, propiciando que se afiancen as áreas artísticas, o coñecemento da identidade da cidade e que a mocidade se sinta parte dela”.

A rapazada, de entre 12 e 18 anos, interesada en participar pode inscribirse, completamente de balde, achegando nome, apelidos, idade e DNI ao enderezo electrónico maisporti2020@lugo.gal.

Esta actividade complementa o apoio escolar que Xuventude ofrece tamén no barrio de Lamas de Prado, concretamente no Punto de información xuvenil, e que actualmente se está impartindo, dadas as restricións sanitarias, de xeito telemático.

Máis info

Noticias relacionadas