Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Xuventude impulsa unha nova programación de lecer saudable como alternativa ao consumo de drogas na mocidade

Xuventude impulsa unha nova programación de lecer saudable como alternativa ao consumo de drogas na mocidade

A programación inclúe un taller de adestramento e hábitos saudables, obradoiros deportivos, roteiros literarios e tamén de sendeirismo. Terá lugar todos os sábados do 6 de febreiro ao 29 de maio

A rapazada, de entre 12 e 18 anos, que estea interesada en participar pode inscribirse achegando nome, apelidos, idade e DNI ao enderezo electrónico maisporti2020@lugo.gal [1]

  • Tema
    • Benestar social,
    • Servizos sociais,
    • Xuventude,
    • Programas xuvenís
Luns, 01 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude impulsa unha nova programación de lecer saudable como alternativa ao consumo de drogas na mocidade

A área de Xuventude, a través do Servizo Municipal de Prevención de Drogas, pon en marcha unha programación centrada nos hábitos, valores e actitudes, dirixidas á prevención das drogodependencias e outras adiccións entre a mocidade. Trátase de actividades formativas para un ocio saudable, enmarcadas  na programación do +Xti, organizada polo Concello e subvencionada polo Plan Nacional de Drogas, que arrincarán o vindeiro  6 de febreiro, e terán lugar todos os sábados, ata o 29 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O seu inicio será vía online, con contidos de índole máis teórico, a modo de presentación-observación. Así pois, en febreiro desenvolverase un taller de actividade física, adestramento e hábitos saudables, onde terá lugar a presentación do proxecto e unha análise das rutinas alimenticias, físicas e deportivas de cada unha das persoas inscritas. Despois, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan, celebrarse na Praza do Castiñeiro, no barrio de Lamas de Prado.

Obradoiros deportivos, rutas literarias centradas no autor Ricardo Carvalho e nas autoras María Reimóndez e Rosalía de Castro e nos monumentos da Praza Maior; así como roteiros de sendeirismo polo río Rato, as ribeiras altas do Miño, o Monte  Segade ou a ruta das Chousas completan este programa que ten, entre outros obxectivos, lograr a integración da mocidade a partir de novos e innovadores espazos, pular pola socialización grupal asumindo actitudes de responsabilidade, solidariedade e respecto e recoñecer as habilidades individuais.

A edil Ana Gónzalez Abelleira indica que “a proposta do +Xti, conxuga, polo tanto, a educación física co fomento da creación dun ambiente adecuado para a formación da corporeidade de cada un dos mozos e mozas ao tempo que incorpora actividades didácticas na natureza, propiciando que se afiancen as áreas artísticas, o coñecemento da identidade da cidade e que a mocidade se sinta parte dela”.

A rapazada, de entre 12 e 18 anos, interesada en participar pode inscribirse, completamente de balde, achegando nome, apelidos, idade e DNI ao enderezo electrónico maisporti2020@lugo.gal [1].

Esta actividade complementa o apoio escolar que Xuventude ofrece tamén no barrio de Lamas de Prado, concretamente no Punto de información xuvenil, e que actualmente se está impartindo, dadas as restricións sanitarias, de xeito telemático.

Máis info

  • Cartel "Actividades +Xti 2021" | Descargar pdf [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/xuventude-impulsa-unha-nova-programacion-de-lecer-saudable-como-alternativa-ao-consumo-de

Ligazóns:
[1] mailto:maisporti2020@lugo.gal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/cartel_actividades_xti_2021.pdf