A Xustiza avala o embargo feito polo Concello de Lugo á Xunta de Galicia polo impago da débeda do IGVS

O TSXG confirma a sentencia do Xulgado do Contencioso de Lugo e volve impoñerlle á Xunta o pago das costas xudiciais

O Concello de Lugo embargou un inmoble do IGVS que chegou a adebedarlle máis de 210.000 euros ás arcas municipais

Mércores, 10 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de recibir a notificación dunha nova sentencia favorable no litixio coa Xunta de Galicia pola débeda acumulada coas arcas municipais polo Instituto Galego da Vivenda e Solo polo impago do Imposto de Bens Inmobles.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de confirmar a sentencia do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo que, en decembro do ano pasado, rexeitara admitir a trámite un recurso presentado pola Xunta contra o embargo dun inmoble do IGVS ditado polo Concello de Lugo diante da cuantiosa débeda contraída coas arcas municipais pola súa negativa reiterada a pagar o IBI.

A sentencia do TSXG prodúcese como consecuencia do recurso de apelación interposto polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e, nela, non só se ratifica o fallo do Xulgado do Contencioso senón que tamén se lle volve impor ó pago das costas xudiciais que se fixan neste caso nunha contía de 1.000 euros.

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a sentencia do Xulgado de Lugo, que nin seguirá aceptou estudar a reclamación da Xunta contra o embargo e desbotou a admisión a trámite do recurso porque a Xunta saltou os pasos preceptivos e plantexou o recurso contencioso sen ter feito previamente a obrigada reclamación económico-administrativa diante do Concello.

O Alto Tribunal galego dálle a razón ó Concello e desmonta as teses da Xunta de Galicia. Así o TSXG sostén na sentencia que “o IGVS ó impugnar a dilixencia de embargo actúa Administración investida de poder ante outra Administración pública, senón como suxeito pasivo e contribuínte”, polo que declara que “o IGVS non quedaba exonerado da interposición dos recursos administrativos que estiveran previstos polo Ordenamento xurídico contra o acto administrativo, como era neste caso a interposición de reclamación económico-administrativa ante o Tribunal económico-administrativo municipal de Lugo, tal como se lle advertía expresamente no acordo da Tesourería do Concello de Lugo ó resolver o recurso de reposición interposto polo IGVS contra a dilixencia de embargo litixiosa.”.

A débeda que contraeu o Instituto Galego da Vivenda e Solo co Concello de Lugo polo IGVS chegou a ascender ó importe de 210.637 euros en concepto de Imposto de Bens Inmobles, principalmente, e ante a negativa da Xunta a pagar a pesar dos requirimentos feitos oficialmente e mesmo denunciando a situación diante da opinión pública a través dos medios de comunicación, o Concello procedeu ó embargo dun inmoble do IGVS situado na rúa do Miño, número 27.

O embargo desta propiedade do IGVS foi a que orixinou o preito que se finaliza agora coa sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a que non cabe recurso ordinario algún. 

Noticias relacionadas