A Xunta Local de Seguridade reuniuse para preparar e coordinar o dispositivo do San Froilán 2015

Estivo presidida pola Alcaldesa, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo

Xoves, 17 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xunta Local

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade previa ás festas de San Froilán, que se celebrou este xoves no Salón de Plenos do Concello, co fin de preparar e coordinar un dispositivo que garanta a seguridade e o normal desenvolvemento das patronais lucenses, entre o 3 e o 12 de outubro. Nesta reunión tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto con mandos da Policía Local, Autonómica e Nacional, así como de Protección Civil e Bombeiros.

O obxectivo desta convocatoria foi comezar a establecer as formas e procedementos necesarios para conseguir unha coordinación eficaz entre todos os corpos de seguridade que exercen as súas funcións no municipio lugués, co fin de garantir a seguridade e a mobilidade neste festexos, que cada ano atraen a millerios de persoas.

Nos vindeiros días terán lugar diferentes reunións técnicas entre as diferentes forzas de seguridade para concretar como se distribúen as distintas funcións que levará a cabo cada un dos corpos de seguridade. Neste senso, a Alcaldesa avanzou que “o Concello reforzará a presenza da Policía Local cun total de 419 servizos, instalando ademais á entrada do Parque de Rosalía unha caseta”. Ademais, o corpo de bombeiros disporá dun camión ao carón da Praza Horta do Seminario todos os días das festas. Tamén estará presente unha ambulancia, aumentándose a dúas os festivos e fins de semana.

A Alcaldesa destacou a profesionalidade das forzas e corpos de seguridade, ao tempo que apelou á “colaboración e sensibilidade cidadá para que as festas sexan un éxito e transcurran con total normalidade”.

Audio

Noticias relacionadas