A Xunta de Goberno aproba as bases para contratar a cinco socorristas durante agosto e setembro

O proceso demorouse un mes debido á tardanza da Xunta en resolver as axudas para este fin, que aínda lle comunicou ao Concello o pasado luns, e sen as que a entidade local non pode asumir o servizo de vixianza e salvamento acuático

Mércores, 19 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores as bases de selección para contratar a 5 socorristas que desenvolverán labores de vixianza e salvamento acuático durante os meses de agosto e setembro no entorno do río Miño. A vicevoceira municipal, Carmen Basadre, explicou que este proceso demorouse un mes, pois o servizo debería estar operativo a primeiros de xullo, debido á tardanza da Xunta en resolver as axudas para este fin, que aínda lle comunicou ao Concello o pasado luns e sen as que a entidade local non pode asumir a contratación dos socorristas. O Concello tiña solicitados seis traballadores para tres meses e a Administración autonómica concedeu axudas para cinco traballadores durante dous meses.

A selección do persoal realizarase entre os candidatos proporcionados polo Servizo Galego de Colocación. Terán prioridade os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como mulleres e, en especial, as vítimas de violencia de xénero; menores de 30 anos, en especial, os demandantes do primeiro emprego ou aqueles sen cualificación profesional; parados de longa duración; con discapacidade; que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; desempregados maiores de 45 anos e integrantes de colectivos desfavorecidos. Os aspirantes deberán pasar unha proba física. 

Noticias relacionadas