A USC ofrece en Lugo esta semana a oportunidade de aprender lingua de signos

Ana Prieto participou este luns na inauguración do obradoiro de verán Iniciación á Lingua de Signos, onde avogou por traballar entre todos de cara a integración e a inclusión das persoas que se atopan en desventaxa

Luns, 11 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A USC ofrece en Lugo esta semana a oportunidade de aprender lingua de signos

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, participou este luns, xunto á Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, o Decano da Facultade da Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez e a Directora do obradoiro de Iniciación á Lingua de Signos, Cristina González, na inauguración deste curso de verán, un dos 21 que a Universidade ten programados na provincia luguesa, e que se celebrará dende o 11 ao 15 de xullo na Facultade do Profesorado, co obxectivo de afondar no coñecemento da linguaxe de signos, así como a educación das persoas xordas no ámbito educativo galego.

Durante a inauguración, Prieto felicitou á Universidade pola temática do obradoiro, posto “que vivimos nunha sociedade que ten que camiñar cara a integración e a inclusión, e que debe de preocuparse, especialmente, por aquelas persoas que, sexa cal sexa o motivo, están en desventaxa, e nese sentitdo debemos traballar todos”. Neste senso, a edil lembrou o traballo do Concello en prol dunha cidade máis accesible, así como o premio recibido como mellor destino turístico accesible o pasado ano, que se suma ao Reino Sofía de Accesibilidade, “distincións conseguidas grazas ás nosas políticas encamiñadas a eliminar as barreiras arquitectónicas, e a implantar diferentes servizos, que fan máis doada e melloran a calidade de vida das persoas con algún tipo de diversidade funcional”, engadiu Prieto, ao tempo que facía fincapé no servizo 010 accesible, no intérprete de signos que facilita o Concello como acompañante para as persoas xordas, e na publicación en braille da guía de autobuses urbanos, así como dos programas das festas do Arde Lucus ou do San Froilán.

Noticias relacionadas