Uns 6.800 patinadores pasaron pola pista de xeo instalada na Praza Horta do Seminario

O vindeiro 12 de xaneiro as instalacións acollerán unha xornada de portas abertas para o público en xeral de 16:00 a 21:00 horas e o 22 de xaneiro, de 09:00 a 14:00 horas, para os centros escolares

A pista de patinaxe permanecerá aberta ata o 30 de xaneiro, de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas -para colexios-, e de 17:00 a 21:00 horas de luns a xoves, e ata as 22:00 horas os venres. Os sábados e domingos, de 11:00 a 22:00 horas

Sábado, 09 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Uns 6.800 patinadores pasaron pola pista de xeo instalada na Praza Horta do Seminario dende o pasado mes de decembro. A pista de patinaxe, unha actividade programada polo Concello para o Nadal 2015-2016, permanecerá aberta ata o 30 de xaneiro. O vindeiro 12 de xaneiro, as instalacións acollerán unha xornada de portas abertas para o público en xeral de 16:00 a 21:00 horas e o 22 de xaneiro, de 09:00 a 14:00 horas, para os centros escolares.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, subliñou que se trata “dunhas cifras máis que positivas e máis aínda cando é o primeiro ano que a Praza Horta do Seminario acolle actividades lúdicas durante o Nadal”. Neste senso, a edil fixo fincapé tanto na pista de xeo como nas outras actividades que acolleu este emprazamento, como un mercadiño de Nadal e un carrusel infantil, para que os lucenses e visitantes se achegasen e consumiran no centro.

Trátase dun parque de xeo de 300 metros cadrados, que abre ao público de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas -para centros escolares-, e de 17:00 a 21:00 horas de luns a xoves, e ata as 22:00 horas os venres. Os sábados e domingos o horario é de 11:00 a 22:00 horas. O prezo de entrada para patinar é de 8 euros, incluídos os patíns, para unha sesión de 50 minutos. Hai descontos para colexios e familias. O operativo conta con 20 pares de patíns de dobre coitela de iniciación dende os dous anos e 300 pares de patíns de todas as tallas. Para facilitar a utilización por todo tipo de públicos, hai dispoñibles andadores que facilitan o desprazamento e trineos para persoas con diversidade funcional.

Noticias relacionadas