Unhas 3.000 persoas crean un ceo máxico na cidade coa solta de faroliños dende a Muralla

O adarve encheuse de xente, que foi soltando a partir das 20:00 horas medio cento de faroliños voadores para conmemorar o 15º aniversario do monumento bimilenario como Patrimonio da Humanidade

Domingo, 29 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Solta de faroliños dende a Muralla

Dende practicamente calquera punto da cidade os lucenses e visitantes puideron gozar este domingo do ceo máxico que crearon unhas 3.000 persoas coa solta de faroliños voadores dende o adarve da Muralla, un acto organizado polo Concello con motivo do 15º aniversario do monumento bimilenario como Patrimonio da Humanidade. A totalidade do adarve encheuse de xente, nenos, mozos e maiores, que foron soltando a partir das oito da tarde medio milleiro de faroliños nunha noite fría, pero clara e sen choiva, o que favoreceu o espectáculo de luz. No acto participaron a Alcaldesa, Lara Méndez, e membros da Corporación municipal.

Os actos de conmemoración do recoñecemento da Muralla como Ben Mundial continúan mañá luns, cando todos os lucenses e visitantes poderán degustar a partir das 18:00 horas nunha carpa instalada na praza Anxo Fernández Gómez un anaco de torta xigante e solidaria, pois a ración soamente custará 20 céntimos, que serán destinados a unha asociación sen ánimo de lucro. Ás 20:00 horas, o Círculo das Artes acollerá un dobre concerto de jazz, onde actuarán Elisabet Raspall&Clara Luga e Carmen Souza&Theo Pascal.

Durante esta fin de semana, a Taberna Daniel, restaurante Antas, Curruncho A Nosa Terra, Arrocería Os Cachivaches, a parrillada Porta Santiago, o restaurante Campos e o Mesón do Alberto ofreceron menús con prezos especiais dedicados á Muralla.

Do 4 ao 8 de decembro, na carpa de Anxo Fernández Gómez haberá un concurso de fotografía sobre o monumento bimilenario. A partir de marzo do 2016, no Centro de Interpretación da Muralla estarán dispoñibles postais sobre a recuperación e posta en valor das portas da Muralla de onte e de hoxe.

Multimedia

Noticias relacionadas