Unha mesa redonda sobre coeducación, que inaugurará e clausurará Ana Abelleira, centrará a presentación do proxecto Coeduc@

Ana González Abelleira, Pilar Porral e Antonio Ibáñez presentaron esta xornada que terá lugar este mércores, ás 20:15 horas, na sede de Afundación en Lugo. Nela presentaranse as escolas coeducativas como alternativa as actuais escolas mixtas

Martes, 14 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha mesa redonda sobre coeducación, que inaugurará e clausurará Ana Abelleira, centrará a presentación do proxecto Coeduc@

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a directora da Consultora de Coeducación Coeduc@, Pilar Porral, e o director do CIFP Politécnico, Antonio Ibáñez, presentaron este martes no Salón de Plenos a mesa redonda A Igualdade na Educación: a coeducación como motor de cambio, que terá lugar este mércores, 15 de marzo, ás 20:15 na sede de Afundación en Lugo. 

Ana González Abelleira lembrou que “neste mes no que se conmemora o Día Internacional das Mulleres, dende o Concello apoiamos esta iniciativa da coeducación, para eliminar todos os estereotipos que hai na sociedade e para manter os valores da igualdade e difundilos”. 

Pola súa banda, Pilar Porral explicou que nesta xornada presentaranse as escolas coeducativas como alternativa ás actuais escolas mixtas “para educar en igualdade a mulleres e homes, previr a violencia de xénero e o acoso escolar e mellorar a convivencia na nosa sociedade”. 

A mesa redonda estará presidida pola Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, xunto coa directora da primeira consultora de coeducación de Galicia, Pilar Porral, e os dous primeiros directores de CIFP de España que están implantando Plans de Igualdade nos seus centros educativos, o Politécnico e As Mercedes, Antonio Ibáñez e Joaquín Expósito respectivamente, que acudirán para explicar esta iniciativa pioneira en Galicia con metodoloxía importada de Finlandia.

Noticias relacionadas