O alcalde e a edil de Cohesión Social visitaron na praza do Castiñeiro ás e aos asistentes a bioximnasia, a clase de máis éxito das propostas de ocio gratuítas ofertadas.
Miguel Fernández chama a atención “sobre a variedade deste tipo de actividades, coas que se favorece a sociabilidade entre a veciñanza dos distintos barrios de Lugo”.
A edil Olga López Racamonde explica que “estas actividades levan anos logrando un importante éxito de participación ao tempo que promovemos o ocio saudable e activo”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, visitaron as clases ao aire libre que se desenvolven na praza do Castiñeiro, como parte da programación de actividades na rúa, impulsadas polo Concello de Lugo para os meses de verán. Trátase de dez actividades diferentes, ás que desde o pasado mes de xullo, asisten unha media de 110 persoas, e nas que “se favorece a sociabilidade entre a veciñanza dos distintos barrios de Lugo” explicou o alcalde. Ademais, o rexedor destacou que “tratase dunha oferta gratuíta, que todos os anos leva a cabo o Concello, que non require inscrición previa, polo que só é necesario achegarse aos centros de convivencia máis próximos, durante xullo e agosto”.
Pola súa banda, Olga López Racamonde, salientou o “éxito ano tras ano destas actividades, coas que promovemos o ocio activo e saudable para as e os lucenses de calquera idade”. O alcalde e a edil achegáronse á praza do Castiñeiro para recoller as opinións dos asistentes ás clases de bioximnasia, unha das actividades con maior participación de cantas se levan a cabo desde a área de Cohesión Social, cunha media de 20 persoas.
Ademais de bioximnasia, os xoves polas mañás, a praza do Castiñeiro acolle, os mércores en horario de tarde, a clases activa o teu corpo, á que soen asistir unha media de 14 persoas. O resto de propostas de ocio saudable, entre as que figuran pilates, ballet fit, relaxación, pilates na beira do Miño, ioga, pintura e respiración, se desenvolven tamén un ou dous días á semana, en horarios ben de mañá como de tarde, no parque da Milagrosa, na praza Viana do Castelo, na carballeira de Fingoi, na praza das Illas, no parque Rosalía de Castro, en Lamas de Prado, no parque de Aquilino Iglesias Alvariño e na citada praza do Castiñeiro.
Olga López Racamonde insiste en que coa posta en marcha deste tipo de actividades, “non só promovemos o ocio saudable, senón que ao mesmo tempo favorecemos as relacións de amizade entre a comunidade, evitando os posibles casos de illamento, de xeito especial entre a poboación máis maior”.
Audio
- A edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre as actividades na rúa | Descargar mp3



